Eladino Cabanelas: “ampararse en que sempre se lle chamou ‘pulpo’ é tanto como dar oficialidade ao castrapo”
MARNOTES LINGÜISTA, ou “ZAPATERO A TUS ZAPATOS”
Din que non hai maior ousadía que a da propia ignorancia. A intención do goberno local do Carballiño de propoñer á Real Academia da Lingua a oficialidade da palabra “pulpo” a carón da forma propia do galego “polbo” é boa proba disto. Evidentemente, e isto xa o deixamos para a oposición municipal, este tipo de novas soen ir acompañadas de xestións municipais mediocres e como un xeito moi sutil de desviar a atención dos problemas dos que tanto o rexedor municipal como o seu equipo de goberno se deberían ocupar e preocupar.
Ampararse en que no Carballiño, como en máis lugares -a realidade lingüística galega é a que é- “sempre se lle chamou pulpo” é tanto como dar oficialidade ao castrapo. Que é o castrapo? O castrapo é, nin máis nin menos que a introdución de palabras provenientes dunha lingua predominante sobre outra que, por razóns xeralmente históricas se viu desprotexida e, coma no caso galego, durante séculos ridiculizada, deostada e denigrada. Por esta regra que pretende sacarse do peto o señor Marnotes haberá que pedirlle á RAG que oficialice centos de vocábulos que se foron introducindo na nosa fala após ser o castelán a única e obrigada lingua oficial no Estado español.
Tamén pode ser que a intención do actual goberno popular sexa acompañar esta proposta doutra máis ambiciosa que non só inclúa formas claramente alleas ao galego senón que, máis alá, nos ensine que a forma de colocar os pronomes en galego debe ser a que emprega o Presidente da Xunta ou que realmente como a moitas e moitos de nós se nos quixo inculcar na infancia o galego é un dialecto do “castellano”.
Ao parecer esta proposta vai ir acompañada dun estudo serio e rigoroso que pretende demostrar que a forma “pulpo” é a forma máis común de denominar ao famoso cefalópodo no Carballiño e, supoño que tamén, bisbarra. Vaia por deus!!! E ben seguro que se se poñen a estudar máis a fondo tamén van descubrir que a maioría dos carballiñeses e carballiñesas din “calle” en vez de rúa, “carretera” en vez de estrada ou “sartén” en lugar de tixola. Serán estas propostas que acompañen á de “pulpo” ou será por capítulos?
Tamén se nos pretende razoar que xa van 50 edicións da Festa -e perdoen por trabucarme- do Polbo, chamándolle dende a primeira edición “Pulpo”. Seica esquecemos que daquela tampouco era festa senón “fiesta”? Xa non lembramos que se lle daba nas orellas aos pícaros na escola por falaren galego? Por esta tan sisuda regra de tres sexan coherentes e valentes e á totalidade do evento vólvaselle chamar “Fiesta del Pulpo”, déixense xa de ambigüidades, por favor.
Supoño que a actual RAG terá o coherencia suficiente como para tomar a brincadeira esta proposta carballiñesa, primeiro porque non ten un baseamento técnico nin lingüístico cunha mínima de seriedade e, segundo, porque e permítanme esta apreciación como carballiñés que tamén son de preguntarlle quen lle deu permiso para representarme nesta proposta cando eu opino todo o contrario. O pobo do Carballiño decidiu que vostede o representara para xestionalo e gobernar asuntos municipais, non para decidir en temas que, perdoe que llelo diga así, vostedes non son competentes, ou mellor expresado na lingua que tanto aprecian, “zapatero a tus zapatos”.
O Carballiño, 4 de xaneiro de 2014
Eladino Cabanelas
RESPONSÁBEL DE ZONA DO CARBALLIÑO- O RIBEIRO
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA