Irromperon no pleno para denunciar que o alcalde só usa o galego para aldraxalo, vulnerando a escasa lexislación que ampara a lingua
Ourense, 4 de novembro de 2019-. Activistas da Mesa pola Normalización Lingüística de Ourense despregaron letreiros onde se podía ler “Eu quero galego” no pleno do concello para denunciar o que o alcalde só usa o galego para “aldraxalo e desprestixialo”.
Os e as activistas lembráronlle ao alcalde e ao grupo de goberno as súas obrigas legais respecto á lingua, entre elas a de promover o seu uso normal por parte da administración local. Lembráronlle tamén que a única forma correcta e oficial de denominar á cidade é Ourense.
Como resultado desta acción o pleno que comezou en castelán coa lectura da orde do día por parte do Alcalde, continuou en galego após se despregaren os letreiros.
O responsábel da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, advertiu ao alcalde de que a entidade de defensa da lingua non consentirá a actitude de desprezo ao galego que mantén Xácome, e que voltará ao pleno e continuará as protestas mentres o alcalde manteña esa actitude. “O rexeitamento da lingua galega como sinal máis característico de Ourense, unha das principais capitais galegas, é unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade”. A Mesa voltará todas as veces que cumpra para facer valer as obrigas que ten Xácome cara ao noso principal sinal de identidade.
Por último, o responsábel da asociación polo galego en Ourense, recomendoulle a Xácome a aplicación da Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) editada pola entidade e enviada a todas as concelleiras e concelleiros eleitos no pasado mes de maio, incluído o propio Xácome.