A plataforma cidadá pediu en rolda de prensa “máis galego na escola”
Queremos Galego chamou a toda a cidadanía ourensá a facer da mobilización deste domingo polas rúas de Compostela un novo fito histórico en defensa da nosa lingua
Queremos Galego de Ourense ofreceu unha rolda de prensa para amosar o seu apoio á mobilización que partirá este domingo 27 de xaneiro da Alameda compostelá en defensa da lingua que nos une como galegas e galegos.
Os representantes da Plataforma leron o manifesto Queremos galego na escola, que se pode asinar nesta ligazón, exixindo a derrogación do Decretazo contra o galego, declarado ilegal en varios dos seus puntos centrais polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e a retirada do proxecto de lei da Wertgoña.
Deste xeito, chamaron a toda a cidadanía ourensá a facer da mobilización deste domingo polas rúas de Compostela un novo fito histórico na defensa da nosa lingua.
Desde Ourense sairán autobuses para asistir á manifestación. Pódese consultar a información aquí.