Máis dun centenar de veciñas e veciños acudiron ao chamado da Mesa e concentráronse ás 12 perante a Casa do Concello en apoio a Natalia Soliño Figueroa
Finalmente, o Padroado de Turismo das Rías Baixas, integrante do tribunal, non chegou a comparecer na vista de dilixencias informativas prevista para o mediodía
“Si lo haces en gallego no te lo corregimos“, fora a advertencia dun dos membros do tribunal do proceso selectivo á redondelá denunciante deste gravísimo caso de discriminación lingüística no acceso a un posto de traballo
Máis dun centenar de veciñas e veciños de Redondela respaldaron este mediodía a convocatoria da Mesa pola Normalización Lingüística e concentráronse perante a Casa do Concello de Redondela en apoio a Natalia Soliño Figueroa, a redondelá á que o tribunal do proceso selectivo de varias bolsas no departamento de Turismo ao que concorría lle advertiu, literalmente: “si haces la prueba en gallego, no te la corregimos“.
Logo de presentar unha queixa por escrito no rexistro municipal a pasada semana e de pór o seu caso en coñecemento da Mesa, co prego de que a maior asociación cultural de Galiza o fixese público, a reacción inicial do goberno local redondelán e do alcalde da vila, Javier Bas, foi “negar rotundamente” a versión da moza denunciante sen nin tan sequera iniciar unha investigación dos feitos.
Finalmente, e sempre con posterioridade a que A Mesa fixese público o evidente caso de discriminación lingüística padecido por Natalia Soliño, esta fora citada para hoxe ás 12 da mañá na Casa do Concello para un “intercambio de impresións” co mesmo tribunal que avaliara a súa proba, do cal fai parte o Padroado de Turismo das Rías Baixas, cuxo representante foi, presuntamente, quen lle fixo a advertencia de que non debía empregar o galego.
Este “intercambio de impresións” fora fixado desde o departamento de Persoal do Concello de Redondela o pasado 13 de abril coa conformidade das partes, incluídos os representantes do Padroado das Rías Baixas que terían que acudir ao encontro. Porén, este non se chegou a celebrar debido á incomparencia da representación do dito Padroado, eventualidade que só foi comunicada ao Concello por fax ás 11.15 da mañá, isto é, 45 minutos antes do inicio da reunión.
A Mesa cualifica de “moi sospeitosa” e de “pouco casual” a incomparecencia dos representantes do Padroado de Turismo das Rías Baixas ao encontro fixado para esta mañá e cre que máis ben a razón da ausencia obedece a que Nataliña Soliño fose acudir á reunión acompañada dunha asesora legal.
A entidade cidadá en defensa do galego pregúntase “que terá que ocultar” o organismo dependente da Deputación de Pontevedra ante o evidente caso de vulneración de dereitos lingüísticos de Natalia Soliño e ante a “ilegalidade extrema” de prohibir o uso da lingua propia de Galiza nun proceso selectivo “para un posto de traballo nun concello galego, non no de Valladolid”.
A asociación que preside Carlos Callón, que asistiu á concentración desta mañá, confirma que seguirá a apoiar a moza redondelá “até o final” e anima a todas as galegas e galegos que queren “igualdade de dereitos para o galego” a participar na manifestación que o vindeiro 17 de maio a plataforma cidadá Queremos Galego convoca en Santiago de Compostela.