“Non hai ningún motivo para que se manteña a modificación do regulamento do pleno e o galego deixe de ser a lingua de debate e de utilización normal no máximo órgano goberno de Vigo”
Vigo, 29 de agosto de 2016-. Tras a aprobación no pasado mes de maio do novo regulamento do pleno de Vigo, o galego deixará de ser a lingua de debate de utilización nos plenos malia continuar a ser a lingua do pleno e do concello.
A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou hoxe que se dirixirá a todos os grupos da corporación viguesa para que anulen a modificación do regulamento pola que o galego deixa de ser a lingua de expresión nos plenos das e dos representantes públicos. “Como se pode representar un pobo descoñecendo e desprezando a súa lingua?”, preguntouse o presidente da entidade a favor da normalización do galego, Marcos Maceira, que acrecentou que “o mínimo que se pode exixir a alguén que pretende representar a cidadanía é que coñeza e se saiba expresar na lingua propia.
Segundo indicou a reponsábel da Mesa pola Normalización Lingüística en Vigo, Elsa Quintas, “o estatus legal de oficialidade recoñecido até agora para o noso idioma, tanto polo concello como por leis autonómicas como a de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, ou a de Normalización Lingüísitica, non era real”, nunha cidade onde “o galego retrocede a un ritmo de vertixe”. Coa modificación aprobada polo PSOE de Vigo, a situación será peor, ao negárselle un recoñecemento oficial e de uso mínimo.
Da Mesa lembraron ao Alcalde, Abel Caballero, como o seu partido se comprometeu no pasado mes de xullo, xunto a outros partidos e á propia Mesa, a promover a normalización da lingua galega, aplicando todos os acordos tomados colectivamente a favor do galego en acordos nacionais e internacionais, desde a Lei de Normalización Lingüística ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a Carta Europea das Linguas.
“Se existe unha demanda cidadá en relación á lingua galega, é a da súa reposición e rehabilitación en todos os espazos, incluídos os plenos dos concellos” sinalou a responsábel da Mesa en Vigo, “mesmo persoas que non o falan demandan espazos de uso que lles permitan incorporarse e recuperar o galego”,o que, segundo sinalou, “resulta extremadamente dificil, e resultará máis sen o recoñecemento de oficialiade”.
Quintas recordou que o galego está completamente excluído de ámbitos como a educación infantil en Vigo, onde o 75,90% dos centros non o utilizan nunca.