O Hospital de Fátima de Vigo rectifica e facilitará o consentimento informado ao doente que solicitara asinar este documento en galego

A Mesa parebenízase polo froito da presión cidadá e pola firmeza e compromiso do cidadán afectado, que non renunciou aos seus dereitos lingüísticos

O cidadán que a pasada semana puxera en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, a través do seu servizo A Liña do Galego, o grave caso de discriminación lingüística que viña de paceder no Hospital Nosa Señora de Fátima de Vigo poderá asinar finalmente o consentimento informado para o tratamento dos datos persoais en galego antes da intervención á que se vai someter, tal e como expresamente solicitara.

Así llo fixo saber telefonicamente o mesmo Servizo de Atención ao Doente da clínica, que hai unha semana mantiña que o centro médico “non tiña ningunha obriga legal” de emitir a súa documentación en galego, malia neste caso tratarse dunha intervención do SERGAS derivada cara a este hospital, co que a Consellaría de Sanidade ten un concerto económico.

A Mesa cualifica de “éxito colectivo” a rectificación da clínica viguesa e parabeniza tanto o exemplo do cidadán “que non se rendeu e que, con firmeza, solicitou primeiro e exixiu despois poder exercer os seus dereitos lingüísticos” como a “solidaria resposta social” surxida desde que se coñeceu este caso de “evidente vulneración” de dereitos. A entidade presidida por Carlos Callón non dubida en situar a “presión cíviva”, expresada a través do envío masivo de correos electrónicos de queixa, como “determinante” para explicar a mudanza de actitude do hospital.

A maior asociación cultural de Galiza sinala que “absolutamente todos” os adiantos experimentados polo galego en diferentes ámbitos foron sempre “froito directo da presión social e da mobilización cívica previa” e chama a sociedade a “organizarse” e “activarse” para defender os seus dereitos frente a posíbeis abusos ou discriminacións. A entidade lembra neste caso a vixencia dun dos seus históricos lemas: “Sen reclamacións non hai conquistas”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra