O pasado ano, 2018, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. Desde a entidade de defensa da lingua saliéntase que “a administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego”. “A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas”, lamenta a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas. “Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía. Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é precisamente quen máis a incumpre e vulnera”, lamenta.
É un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que, desde o ano 2007, atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneran; así como parabéns para quen dea pasos cara á garantía do dereito a vivir en galego. Desde xullo do ano 2016, a Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego; o obxectivo desta aplicación é proporcionar ás usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.