A Mesa pola Normalización Lingüística

“Si haces la prueba en gallego no te la corregimos”

Eis a advertencia do tribunal do proceso de selección de bolsas para o departamento de Turismo do Concello de Redondela a unha aspirante que se dispuña a facer o exame no idioma propio de Galiza

A afectada, que puxo o seu caso en coñecemento da Mesa a través da Liña do Galego, xa presentou un escrito de reclamación no rexistro municipal redondelán

A Mesa considera o caso un “moi grave exemplo” de vulneraciónde dereitos lingüísticos no acceso a un posto de traballo e exixe ao consistorio que “rectifique” e á Xunta que “tome cartas no asunto”

A Mesa denuncia o “gravísimo caso” de vulneración de dereitos lingüísticos acontecido durante o proceso de selección para a provisión de varias bolsas de traballo na área de Turismo do Concello de Redondela, no cal se chegou ao extremo de o tribunal advertir a unha das candidatas, Natalia Soliño Figueroa, que non sería avaliada “se facía a proba en galego”. Deste tribunal facía parte un técnico do Padroado de Turismo das Rías Baixas, dependente da Deputación de Pontevedra, que foi quen ao parecer fixo a “advertencia”.

A asociación en defensa da lingua coñeceu este caso a través da chamada da propia afectada á Liña do Galego, o servizo de atendemento e consulta sobre dereitos lingüísticos que A Mesa pon ao dispor de toda a cidadanía a través de correo electrónico (linhadogalego@amesanl.org) e da liña telefónica 902 106 474.

A afectada xa presentou un escrito de reclamación no propio Rexistro do concello redondelán contra o que considera unha evidente “discriminación”. A aspirante ás bolsas indica que “en ningún punto” das bases da convocatoria se especificaba que fose “obrigatorio usar o castelán” ou que estivese prohibido “expresarse na lingua propia de Galiza” para optar a un traballo “nun concello que, obviamente, está en Galiza”.

A Mesa demándalle ao Concello de Redondela unha “contundente investigación” dos feitos denunciados e porá de inmediato o caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da Dirección xeral da Administración Local e da Secretaría xeral de Política Lingüística para que “actúen” e fagan ao consistorio redondelán “cumprir a lei”. A entidade recorda que é o propio artigo 5 do Estatuto de autonomía o que prohibe calquera tipo de discriminación por razón de lingua.

A maior asociación cultural de Galiza lamenta, por último, que polo momento as únicas declaracións públicas dos responsábeis municipais, nomeadamente do concelleiro Alberto Pazos e do propio alcalde, Javier Bas, fosen só para negar a versión da afectada e “exculpar” así os membros do tribunal do proceso selectivo. “Se o Concello sabe que se ‘meteu a zoca’ no asunto e hai unha presunta ilegalidade, o que debe facer é rectificar, non ocultar a realidade”, conclúe A Mesa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra