Toda a sociedade galega organizada, agás o PP, mostra o seu apoio á manifestación POLA LINGUA QUE NOS UNE

A ampla adhesión á manifestación que terá lugar o domingo 27 de xaneiro é mostra da unanimidade a prol do galego

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro-. Ademais dos máis de 700 colectivos e entidades sociais que forman parte da plataforma cidadá Queremos Galego, todas as organizacións con representación parlamentar, agás o PP, fixeron chegar o seu apoio á manifestación que so o lema Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola!, percorrerá as rúas da capital de Galiza.

 

Para a plataforma cidadá Queremos Galego isto é unha mostra máis da situación de aillamento social en torno á lingua galega na que se atopa o PP nestes momentos e que debería motivar unha reflexión profunda dos seus dirixentes. A plataforma lembra que xunto cos ataques continuados á nosa lingua evidenciados mesmo pola sentenza do TSXG que declara ilegais os puntos centrais do decretazo contra o galego, ou o recente proxecto de LOMCE (máis coñecida como Lei da Wertgoña), pretenderon pór trabas a unha manifestación como a do domingo a través da imposición dunha fianza pola colocación dun palco, decisión que será recorrida pola plataforma nos tribunais, e que é unha mostra máis do sectarismo dos dirixentes do PP, especialmente agresivo contra a lingua galega.

 

A manifestación sairá ás 12.00 da Alameda compostelá para rematar na Praza da Quintana, onde ademais dunha intervención do portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón,  diferentes personalidades do ámbito cultural e educativo lerán o manifesto Queremos galego na escola: Luís Iglesia (actor), Xurxo Souto (músico), Mercedes Queixas (escritora e pofesora), Marta Dacosta (escritora e profesora), Antón Freire (alumno de 4º da ESO), Susana Méndez (coordinadora de Queremos Galego). No acto, conducido polo actor Pepe Penabade, haberá intervencións musicais a cargo das cantantes Uxía e Ses.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra