A modificación proposta polo goberno español persegue a protesta social pacífica e suporía prisión e inhabilitación para as persoas que participen en protestas non violentas como as celebradas os pasados anos en edificios da Xunta, as primeiras manifestacións contra o decreto de plurilingüísmo, en concentracións como as da Illa da Toxa ou mesmo por acusacións falsas realizadas pola delegación do goberno
A Mesa pola Normalización Lingüística advirte de que a reforma do código penal proposta polo goberno do Estado para cumprir co mandato europeo de retirar o delicto de sedición implicaría penas de prisión e inhabilitación para as persoas que participen en accións pacíficas en defensa da nosa lingua. “A modificación proposta polo goberno español”, advirte o presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, “é un ataque á protesta social lexítima e pacífica, que será obxecto de persecución e que poderá levar consigo penas de prisión mesmo en ausencia de calquera tipo violencia”.
Así, os centos de persoas que participaron ao longo dos últimos anos nas protestas organizadas pola Mesa en edificios da Xunta, nas primeiras manifestacións contra o decreto de plurilingüísmo, en concentracións como as da Illa da Toxa ou mesmo as que sufriron acusacións falsas realizadas pola delegación do goberno sufrirían penas de prisión e inhabilitación.
“A reforma do delito de sedición só dá inseguridade a calquera persoa que se manifeste”, critica Maceira, “e que poderá ser perseguida penalmente, se se considerar a existencia de calquera tipo de intimidación“. Penalízanse accións que están desde hai décadas no repertorio da mobilización social e que empregan todos os colectivos de Galiza: asociacións veciñais, cívicas, culturais de nais e pais, sindicais, políticas, cargos públicos… indepentemente da súa ideoloxía ou reivindicación. Segundo o texto de reforma do Código penal, conleva prisión e inhabilitación a participación en cortes de tráfico, a entrada en edificios públicos ou as manifestacións notificadas fóra de prazo, aínda que se desenvolvan pacificamente.
O presidente da Mesa lamenta que, “non contento con incumprir a promesa de derrogación da chamada Lei mordaza“, o goberno español “criminalice agora calquera tipo de protesta pacífica”. A Mesa chama á sociedade galega a mobilizarse polo dereito á protesta democrática