O recoñecido poeta e incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas, socio e xeneroso colaborador da Mesa, será xustamente homenaxeado pola sociedade galega como figura destacada do Día das Letras Galegas 2016
A fala
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte que agroma
a máis forte irmandade.Renunciar ao idioma
é ser mudo é morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!Manuel María (As rúas do vento ceibe, 1979)