Báner cadrado "Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG"

CARTA AOS ASINANTES DA CAMPAÑA POLA CANLE XABARÍN NA TVG

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística queremos agradecer os apoios á campaña por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG.

Tras comprobar que esta iniciativa conta cun amplo apoio social, máis de 8.000 asinantes en só 5 días de diferentes idades, profesións e procedencia, na Mesa pola Normalización Lingüística propómonos levar esta iniciativa ao Parlamento de Galiza a través da proposición non de lei (PNL) de iniciativa popular PARA UNHA CANLE XABARÍN CLUB NA TVG E MÁIS E MELLOR DIFUSIÓN DE PROGRAMACIÓN INFANTIL E XUVENIL EN GALEGO.

Pensamos que esta é a mellor maneira de facer aos responsábeis políticos esta reinvidicación. O Parlamento de Galiza é o máximo órgano de representación das galegas e galegos e precisamos que a nosa voz chegue a esta institución para que o debate arredor da creación dunha Canle “Xabarín” cunha programación infantil e xuvenil en galego e cuns contidos de calidade ocupe un lugar central na política galega, e así que o Parlamento inste á CRTVG a crear a Canle “Xabarín” e a cumprir as diversas leis galegas e estatais que estabelecen que a televisión pública ten o deber de “contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia de Galiza” e que os “operadores de titularidade pública deben contribuír á promoción da industria cultural, en especial á de creacións audiovisuais vinculadas ás distintas linguas e culturas existentes no Estado”.

A lingua galega precisa espazos de uso, de reprodución e socialización para existir e desenvolverse. O galego debe estar “en todo e para todo”, recollendo o título do coñecido artigo de D. Ricardo Carvalho Calero. A exclusión ou a inferioridade de condicións no ámbito audiovisual impede calquera política real a favor da normalidade plena do noso idioma.

Para conseguir que esta PNL chegue a ser debatida no Parlamento imos precisar da túa colaboración de novo. Se ben a lexislación estabelece que son 2500 as sinaturas necesarias para ser debatida, pensamos que é posíbel multiplicar esta cantidade e facer ver que esta demanda conta cun amplo apoio dentro da sociedade galega

 

Hai varias maneiras de colaborar:

Coa túa sinatura nos pregos verificados pola Xunta Electoral que poremos ao dispor en diversos puntos de Galiza nas próximas semanas.

Se tes un estabelecemento aberto ao público e queres participar na rede de recollida de sinaturas ou queres recollelas individualmente, fáinolo saber a través do correo xabarintv@amesa.gal.

Precisamos de difusión: comparte esta iniciativa coas túas amizades e anímaas a asinar. Tamén habilitaremos unha páxina web onde teremos toda a información e materiais para descargar.

Doazóns: para quen quixer contribuír a soster economicamente esta campaña, habilitaremos nos próximos días diferentes vías de doazón.

Contamos contigo!

Saúdos cordiais,

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra