Miles de persoas esixen nas cidades e vilas do país “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”

Miles de persoas saíron esta mañá á rúa dunha ducia de cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego”, nunha serie de mobilizacións simultáneas impulsadas por Queremos Galego. Marcos Maceira, voceiro da plataforma cidadá que integran máis de 700 entidades, recordou en Compostela que “a normalidade da lingua propia é mostra de cohesión social e desenvolvemento social e humano dun pobo” e asegurou que “Feixó ten que escoller entre ser leal a Galiza e promover toda a liberdade, igualdade e xustiza para o galego, ou a Casado, que pretende eliminar a pluralidade lingüísitica no Estado e prohibir o galego na administración”. Na opinión de Maceira, as mobilizacións da cidadanía deben “impulsar o cumprimento do artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, que sinala que o galego é oficial e que os poderes públicos teñen a obriga de promovelo”. “Desde Queremos Galego e A Mesa”, finalizou, “cremos que Feixó debe optar pola lealdade a Galiza e abandonar a política de odio e desprezo polo galego”. “Pode comezar derrogando o decreto que prohibe o galego nas matemática, na física e química e na tecnoloxía”, concluiu.

“Máis que nunca, queremos galego”, recolle o manifesto deste 17 de maio, “porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comezar por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo”.

“Máis que nunca, queremos galego”, continúa, “para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego”.  “Máis que nunca, queremos galego”, conclúe, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”.

“A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza”, recorda o manifesto que se escoitou este mediodía nas nas principais vilas e cidades de Galiza.

10 anos de Queremos Galego

A plataforma cidadá celebra o seu 10º aniversario publicando un  vídeo no que recorda que foi, precisamente, en 2009 cando se produciu a primeira e única manifestación en contra do galego e mais cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego. A sociedade galega respostou cunha manifestación na que participaron 100.000 persoas, a maior mobilización a favor dunha lingua en Europa. Concentracións e manifestacións dentro e fóra do país, manifestos, recollidas de sinaturas, unha folga xeral do ensino e mesmo o traballo no xulgados, que frutificou nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os principais artigos do decretazo contra o galego. O vídeo resumo fai un percorrido pola primeira década de vida de Queremos galego recorda que “as cousas só cambian se nos mobilizamos, porque as reivindicacións compartidas sempre dan froitos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra