Noticias da Mesa

As empresas de Abertos ao Galego.- Granxa O Cancelo: leite pasterizado e xeados artesáns

A semana pasada incorporouse a Abertos ao Galego unha nova empresa: Granxa O Cancelo, unha granxa situada no Concello de Miño que produce leite e xeados artesáns.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Granxa O Cancelo (www.facebook.com/granxaocancelo) é un dos proxectos da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP Coruña, www.capcoruna.com). O proxecto retoma en 2009 unha granxa abandonada en Bemantes, Miño, co obxectivo de traballar a prol do sector lácteo, producindo leite de calidade e conectando a produtoras e produtores  coas consumidoras e consumidores do xeito máis directo posíbel. 

Esta semana, Abertos ao Galego estivo de visita na Granxa O Cancelo para coñecer a súa forma de traballar e os seus produtos. Ademais de mostrarnos as súas instalacións, explicáronnos que utilizan técnicas de produción que  permiten obter os mellores rendementos garantindo un uso responsábel e sostíbel dos recursos, o benestar das vacas e as boas condicións de traballo para as persoas. 

 

A Granxa está situada no Cancelo, no concello de Miño. Teñen 95 vacas, que son alimentadas con forraxes producidos principalmente nas terras que rodean a granxa, complementados con cereais que mercan en empresas galegas. Despois de muxir, o leite é pasteurizado e almacenado en recipientes especiais. Unha parte do leite véndena á industria, mais reservan unha parte para a venda directa. 

 

O leite que comercializan directamente distribúese por transporte refrixerado ás máquinas expendedoras que teñen en distintas vilas da comarca, mais tamén o levan embotellado a cafetarías, restaurantes e pequenas tendas.

 

Ademais do leite, desde 2011 a Granxa O Cancelo elabora tamén os seus xeados artesáns. O ingrediente principal destes xeados é o leite recén muxido na propia granxa, ao que engaden ingredientes de produtores maioritariamente galegos. Algúns dos seus sabores son o de amorodos, o de turrón, o de chocolate ou o de licor café. Para elaborar os xeados contan con licor café de Adegas Coto de Gomariz, kiwis de Kiwi Atlántico, castañas de Caurelor ou froitas de Gueixade.  

 

Os produtos que vende a Granxa O Cancelo están etiquetados integramente en galego, ademais de que é a lingua na que se desenvolven as relacións laborais e toda a documentación interna e externa da empresa. A elección da lingua, segundo nos comentaron Pura e Bri, foi unha cuestión obvia, pois o galego é a lingua habitual neste sector, ademais da lingua da maior parte dos traballadores e traballadoras da Granxa. 

 

Deixámosvos os puntos de venda do leite fresco: http://capcoruna.com/leite/ e dos xeados artesáns http://capcoruna.com/xeados/ e recomendámosvos que os probedes!

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis

Panel de preferencias de privacidade

Close your account?

Your account will be closed and all data will be permanently deleted and cannot be recovered. Are you sure?