Noticias da Mesa

Só o 4’6% da programación infantil diaria é en galego

Só a TVG mantén a presenza da lingua galega na grella televisiva infantil

A Mesa reclama a creación dunha terceira canle infantil na TVG e que a Xunta actúe para garantir a opción de dobraxe en galego en todas as canles da TDT

 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe o informe “situación da lingua galega na programación televisiva infantil” elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos onde se evidencia o alarmante  retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva infantil malia as posibilidades técnicas da TDT: só cun  4,6% na programación diaria e cun 2,7% na fin de semana a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva malia o establecido na lexislación estatal e autonómica sobre o audiovisual e a pesar das enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar as emisións en galego significativamente.

A exclusión do galego no audiovisual afecta tamén á continuidade de productos que xa contan con dobraxe ao galego. O informe alerta da exclusión de galego mesmo en series e debuxos animados con contidos infantís que gozaron de éxito na TVG na súa comercialización en DVD ou App, desprezándose traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos , Elsa Quintas, asegurou que “é lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados”.

Esta situación, xunto co tratamento do galego como lingua estranxeira na educación infantil demostrado noutros estudos do Observatorio dos Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, forman parte dun contexto máis amplo de exclusión, subordinación e marxinación do idioma de Galiza sobre o que os poderes públicos galegos teñen a obriga de actuar e inverter a situación e onde, porén, sen que até o momento se introducise ninguna acción de corrección, nin tan sequera das contempladas no PXNLG de 2004, participando dela por omisión e desidia.

Debido á súa influencia social, o sector audiovisual non pode ficar fóra do proceso de normalización lingüística que a Xunta de Galiza ten a obriga de promover.

“A solución comeza, en primeiro lugar, por aproveitar as posibilidades que ofrece a canle pública, impulsando o seu obxectivo normalizador e activar por parte da administración os recursos cos que conta para ampliar substancialmente a oferta en lingua galega”, sinalou Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, “mais tamén porque a administración actúe en todos os ámbitos”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, quíxolle lembrar á Xunta de Galiza que cumpra a súa obriga de promover o galego de forma activa tamén no sector audiovisual dirixido ao público infantil e xuvenil de forma que garanta materialmente os dereitos lingüísticos destas franxas de idade amparados pola normativa.

Maceira denunciou que “a presenza do galego na grella televisiva é moi inferior hoxe que hai  20 anos afondando na exclusión e subordinación do galego e engando á infancia o mínimo acceso a contidos no noso idioma”.

Para comezar a corrixir esta situación a Mesa propón sete medidas para unha maior presenza do galego no ámbito do lecer das crianzas:

 

  1. A TVG. A Galega debe aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas, incluída a creación dunha terceira canle exclusiva para programación infantil.
  2. A CRTVE debe garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil e xuvenil da canle específica da emisora pública estatal.
  3. O goberno galego debe adoptar as medidas e accións precisas a través de acordos con outras administracións e empresas co fin de garantir a opción dobrada ao galego en todas as canles.
  4. Hai que activar as licenzas galegas de TDT existentes e crear outras novas como maneira de garantir a presenza da lingua galega e de contidos de produción galega con especial atención ao público infantil e xuvenil.
  5. Débese garantir unha oferta mínima de DVD e outro material audiovisual en galego ou con opcións de lexendas no noso idioma.
  6. As autoridades deben promover programas, xogos informáticos e todo tipo de aplicación adaptadas ao galego.
  7. O goberno galego debe adoptar as medidas necesarias que permitan a visualización en Galiza da RTP segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Trátase, en definitiva, de facer cumprir a lexislación da que Galiza se dotou, para preservar e garantir materialmente os dereitos lingüísticos da infancia e da mocidade.

Informe: A situación da lingua galega na programación televisiva infantil.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis