O autobús iFala bota a andar co impulso de Ora Galega

A Mesa pola Normalización Lingüística é unha das entidades que colabora con este proxecto de difusión do legado das Irmandades da Fala no seu centenario

Toda a información está dispoñíbel na web http://ifala.gal/

iFala – Poetarras from iFala on Vimeo.

A Coruña, 20 de maio de 2016.- “Hai bravas, hai soños, hai ganas, hai pobo, hai todo… iFala”, é o retrouso da canción que se sente dentro do autobús iFala que achega ao público desde hoxe o legado das Irmandades da Fala con linguaxe e medios novos. Ora Galega e a área de Cultura da Deputación da Coruña impulsan o proxecto, que conta coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística.

bus_mos 042Un autobús cunha exposición dentro, un aplicativo móbil, unha páxina web e unha canción interpretada por un amplo grupo da nova creación galega -Poetarras, De vacas, Sés, Isabel Risco, Leo, David Amor, entre outros e outras- son as ferramentas das que Ora Galega e a área de Cultura da Deputación da Coruña, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística botan man para difundir o legado das Irmandades da Fala no seu centenario.

Elvira Souto, Carlos Quiroga e Moncho do Orzán por Ora Galega e a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, presentaron este venres o proxecto iFala na Dársena da Coruña, primeira parada da rota que emprende esta iniciativa itinerante que percorrerá cidades e vilas do país espallando a “dimensión e a modernidade” das Irmandades da Fala.bus_mos 025

“A mostra reproduce a historia desde unha perspectiva moderna e innovadora, dando mostra de que o legado das Irmandades está vixente e pode interesar tamén á xente nova. Os vídeos elaborados por persoas do noso mundo creativo contaxian o mesmo entusiasmo que levou a súa creación hai cen anos”, sinalou Goretti Sanmartín na presentación en que parabenizou Ora Galega polo deseño do proxecto.  Fixo tamén un chamamento á cidadanía para que acuda ao autobús que, sen dúbida, ten a vontade de “chamar a atención e facer que a veciñanza se achegue a nosa historia e descubra que as Irmandades son algo vivo e que, como di a lenda do proxecto, hai fala”, sinalou.

Por parte de Ora Galega, entidade que promoveu a declaración de 2016 como Ano das Irmandades, Moncho do Orzán insistiu na “teima de que as Irmandades tiñan que conmemorarse en todo o país. A exposición ofrece unha liña do tempo desde os Mártires de Carral até o golpe de 1936 cunha información básica que se pode completar no aplicativo e na páxina de iFala”. O autobús ábrese na Coruña e a iniciativa incluirá ademais da exposición un programa de actos con lectura de textos e música. Elvira Souto destacou a colaboración de asociacións e outras entidades que contribúen de distintas maneiras á materialización do proxecto, desde a cesión de libros até a organización de eventos nas distintas cidades e vilas.O escritor e profesor Carlos Quiroga rematou as intervencións destacando que iFala “fai xove algo que ten un século mais mostra unha vixencia alucinante. Ficamos nós mesmos emocionados co produto”, defendeu.

O domingo o autobús dirixirase a Betanzos para visitar Ferrol, Ourense, Santiago, Lalín, A Estrada, Lugo, Ponteareas, Pontevedra, Ribadeo, Vilalba, Vilagarcía de Arousa e Viveiro serán outras das citas do proxecto itinerante iFala.

Asociacións, editoriais e outras entidades colaboran na iniciativa, entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Cultural Auriense, Ourense, Asociación Cultural Vagalumes, A Estrada, Asociación Francisco Lanza, Ribadeo, Asociación Pensamento e sementeira, Viveiro, Asociación Roxin Roxal, Betanzos, Asociación Socio-Pedagóxica Galega , Confederación Intersindical Galega, Edicións Xerais de Galicia,  Editorial Galaxia,  Editorial SEPT, Instituto de Estudos Miñoranos, Ir Indo Edicións, Mesa pola Normalización, Seminario de Estudos Chairegos, Vilalba e Sociedade Cultural Medulio, Ferrol

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra