Queremos Galego de Ferrol exixe a derrogación do decretazo e chama á participación na mobilización do 27-X

Unha representación das máis de 700 entidades sociais que conforman queremos galego traslada a súa satisfación pola resolución do tsxg e chama a participar na manifestación nacional do domingo 27

O TSXG ditamina que os principios fundamentais do decreto sobre as linguas imposto polo PP no ensino son ilegais, xa que logo cómpre a súa derrogación sen dilatar

Ferrol, 19.01.2012.- Unha representación de entidades sociais que conforman esta plataforma cidadá (ADEGA, A Mesa pola Normalización Lingüística, A Revolta de Trasancos, Ateneo Ferrolán, BNG, CIG, IU, Medulio, STEG..) exixe do PP que remate coa súas iniciativas contra o galego e facilite a convivencia na Galiza.

 

Esta plataforma impulsa unha outra manifestación masiva para evidenciar que a maioría da sociedade, tanto galegofalante como castelanfalante, defende a lingua propia de Galiza e rexeita que o alumnado saia do ensino sen competencia nela.

 

No Estado español a xa coñecida como “lei da wertgoña” entre outras arbitrariedades impón un conflito a un ensino catalán construído desde o consenso da sociedade catalá e amosando uns resultados mellores ca media do Estado. Na Galiza o “decretazo contra o galego” acadou que o 96% do ensino infantil das cidades sexa exclusivamente en castelán pola aplicación desta norma imposta contra case que toda a sociedade galega e especialmente todo o entorno educativo.

 

En Ferrol asistimos perplexos á ocultación do Consello Sectorial da Lingua. A opinión da sociedade de Ferrol fica amordazada pola reiterada negativa desde hai máis dun ano a convocar un CSL que obrigatoriamente ten que se convocar trimestralmente. Todo isto amosa as intencións do PP, a súa obsesión por que o castelán sexa a única lingua visíbel no estado español.

 

A estratexia do PP de recorrer a sentenza contraria ao decretazo contra o galego ten a intención de manter vixentes, todo o tempo posíbel, aspectos que o propio TSXG considera ilegais: consulta aos pais e nais no ensino infantil e que alumnado poda obviar o galego nas materias impartidas nesta lingua.

 

Pódese consultar a sentenza na ligazón:

http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Sentenza+Decretazo+contra+o+galego

 

Hoxe chamamos a participar na manifestación nacional do vindeiro domingo 27 a galegofalantes e castelanfalantes reclamando da Xunta de Galiza que exerza as súas funcións con sentido común e que traballe no camiño do consenso e da normalización do noso idioma.

 

Haberá buses desde distintos puntos da comarca. Pódense consultar en www.queremosgalego.org

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra