Audiovisual / Xornada do audiovisual. Análise e perspeciva

Profesionais do audiovisual, representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas e persoal investigador en comunicación analizaron a Nova Lei Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela.

O auditorio da facultade de Ciencias da Comunicación, en Santiago de Compostela, acolleu este xoves 15 de setembro unha completa xornada de reflexión e de análise sobre a noval Lei do Audiovisual do Estado español organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela e A Mesa pola Normalización Lingüística.

A xornada, que leva por título Perante a nova Lei do Audiovisual, contou coa intervención de representantes das principais entidades de defensa das linguas minorizadas do Estado, que falaron do audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico e recordarán o transcendental papel da sociedade galega ao revindicar a súa importancia recentemente a través de propostas como a Iniciativa Xabarín para garantir presenza de galego na programación infantil ou a Iniciativa polo galego no audiovisual que tentou impulsar importantes modificacións na Lei xeral de comunicación audiovisual.

Abrirá o programa, que se pode consultar aquí, Margarita Ledo Andión, coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais. A investigadora e docente Antía López Gómez analizará a Transposición da Directiva europea ao marco español e o Ramón Zallo, profesor e investigador da Universidade do País Vasco, fará unha interpretación crítica da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Palaforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua, debullarán os puntos nos que, finalmente, a Lei non atendeu as demandas feitas desde Galiza e outras nacións do Estado. Será ás 12h, nunha sesión sobre Diversidade lingüística e Lei do Audiovisual.

Despois de xantar, Uxía Caride da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Lidia Fraga da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e Samuel Solleiro da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI) debullarán O estado xeral do audiovisual en Galiza. E a docente e investigadora María Soliña Barreiro pechará a xornada cun resumo das principais conclusións expostas e debatidas.

A asistencia a esta actividade, que conta con financiamento da Xunta de Galicia a través das axudas á Consolidación e estruturación de grupos de investigación, é de balde sen necesidade de inscrición previa.

Directo da xornada completa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra