Noticias da Mesa

A Mesa inicia contactos institucionais para a toma en consideración no Parlamento da ILP a favor do galego no ámbito socioeconómico

Na recta final de recollida de apoios a ILP Sentido común xa supera as
25000 sinaturas

Marcos Maceira: “O alto número de apoios é indicativo da demanda social
de que finalice a exclusión do galego da maior parte da actividade diaria”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Santiago de Compostela. 8 de setembro de 2017-. A Mesa pola Normalización afronta xa os últimos días de recollida de sinaturas en apoio da ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
Desenvolvida por toda Galiza baixo o lema Sentido Común, esta iniciativa lexislativa pretende que se garanta en todos os casos o dereito á atención e a recibir e usar o galego en calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato, así como contratos e
formularios. Contempla ademáis o respecto pola toponimia galega, única e oficial e a necesidade de as administración públicas daren exemplo na contratación de servizos, garantindo a capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen respecta a nosa lingua.

Segundo indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, o obxectivo último é pór fin as discriminacións por razón de lingua que centos de persoas padecen en Galiza cada día e ás que se lles nega atención, mesmo en servizos que están a pagar, polo simples feito de utilizar a lingua propia de Galiza.

“A oficialidade do galego ten que deixar de ser una simples declaración para se converter nunha realidade visíbel e audíbel, e xa que logo absolutamente practicábel, algo que non acontece en Galiza, como demostran as continuas queixas que tramita a Mesa e o grande número de apoios recibidos”, resaltou Maceira.

Sen ter finalizado o prazo para a recollida e cómputo das sinaturas por parte da Xunta electoral, que continúa até o 21 de setembro, A Mesa anunciou que xa se superan as 25.000 sinaturas. Esta cantidade que supera o duplo das precisas, garante que a proposición de Lei será debatida no Parlamento de Galiza para a súa toma en consideración. De ser votada maioritariamente
comezarán os trámites para a súa aprobación definitiva.

Previamente ao rexistro dos máis de 25.000 apoios, a Mesa solicitou xa a todos os grupos parlamentares, á Fegamp, ao Consello da Cultura Galega, á Secretaria Xeral de Política Lingüística, e á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, encontros para dar conta do contido e propostas da ILP e buscar o seu apoio, segundo o presidente da asociación polo galego, “para comezarmos todas e todos a corrixir unha inxustiza flagrante que limita a posibilidade real de uso da nosa lingua”

Xunto con esta acción institucional a Mesa continuará coa colocación de mesas informativas e de recollida de apoios simultaneamente en diferentes lugares do país. As datas e horas pídense consultar na web: http://sentidocomun.amesa.gal

O presidente da Mesa agradeceu tamén o seu apoio a todas as persoas, de todas as idades, crenzas, lugares e condicións que se achegaron aos postos da Mesa nestes meses non só a mostrar apoio de palabra senón certificando por escrito que queren a lingua galega viva en todo e para todo. De maneira
especial Maceira referiuse ás 125 persoas destacadas do ámbito social, económico, cultural e académico que participaron no lanzamento da proposición de lei no mes de febreiro.

Esats 25.000 persoas mostran que aínda falta moito por avanzar para que o galego estea presente en todos os espazos que lle corresponden, os mesmos que a calquera outra lingua no seu territorio, mais tamén que o noso idioma ten moito futuro por diante porque somos miles quen queremos que o teña e
actuamos no día a día para que así sexa.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis