A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa acusa a Carlos Negreira de “actuar ilegalmente” ao deturpar o topónimo oficial da cidade “pola porta de atrás”

O Concello da Coruña recupera a denominación ilegal de Ayuntamiento de *La Coruña, á que renunciara en 2006, na cartelaría que anuncia a iniciativa Noite Branca de apoio ao comercio local.

A maior asociación cultural galega recorda que o alcalde Negreira votou en favor da oficialidade da toponimia galega cando era deputado no Parlamento de Galiza.

Un día antes da chegada á cidade do Correlingua, a exitosa iniciativa escolar en defensa do galego que por vez primeira na súa historia se desenvolverá sen ningún tipo de colaboración institucional por parte do Concello, A Mesa denuncia que o goberno local de Carlos Negreira persiste na súa teima de “eliminar o galego” da vida pública da Coruña e dá “un paso máis” ao recuperar “pola porta de atrás” o uso da denominación ilegal *La Coruña en materiais municipais.

Concretamente, a asociación cidadá en defensa da lingua vén de comprobar como o goberno local recupera a denominación ilegal de Ayuntamiento de La Coruña nos materiais editados para promocionar a Noite Branca, a iniciativa de apoio ao comercio local que se desenvolverá este 4 de maio en colaboración cos establecementos comerciais da zona centro da cidade agrupados na Área Comercial Obelisco. O Concello renunciara a empregar esa fórmula de xeito definitivo en 2006, mudándoa progresivamente ben pola denominación bilingüe co topónimo oficial ben pola denominación galega de Concello da Coruña.

A entidade cidadá recorda que xa se dirixiu por escrito por dúas veces á concelleira responsábel das políticas de promoción económica e comercio local, María Luísa Cid, para se interesar polas razóns polas que o galego fora excluído da campaña de promoción dos mercados municipais Entra y peca e da máis recente iniciativa municipal dos vinilos ornamentais para os baixos comerciais fechados e en aluguer en diferentes zonas da cidade. A Mesa lamenta que a día de hoxe o Concello non dese ningunha resposta a estas solicitudes de información e que a Concellaría de María Luísa Cid sexa “incapaz” de amosar “unha mínima sensibilidade lingüística” á hora de editar os seus materiais informativos.

A entidade presidida por Carlos Callón exíxelle ao alcalde Carlos Negreira que cumpra os acordos “que el mesmo votou sendo deputado do Parlamento de Galiza” e recórdalle que a legalidade “sistematicamente ratificada polos tribunais de xustiza” entre 1994 e 2006 non variou até hoxe, pois “a única denominación oficial da cidade é A Coruña, a súa forma xenuína”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra