O TS rexeita o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a anulación parcial do TSXG da ordenanza de normalización lingüística aprobada por unanimidade no 2012
A Mesa iniciará accións contra a sentenza xunto coa plataforma cidadá Queremos Galego e anima a sociedade galega a mobilizarse e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do conxunto do pobo galego
Compostela, 25 de febreiro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística manifesta a súa repulsa á sentenza “ideolóxica” do Tribunal Supremo (TS) feita publica a pasada sexta feira e que rexeita o recurso presentado polo Concello de Lugo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anulaba parcialmente a ordenanza de normalización lingüística de Lugo, aprobada por unanimidade polo pleno da corporación en 2012 e ratificada polo pleno tras a sentenza do TSXG.
“A sentenza do TSXG ratificada agora polo TS”, explica Marcos Maceira, presidente da Mesa, “ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego, como evidencia o feito de seren aprobados e acordados con total unanimidade das forzas políticas con representación institucional”. “Utiliza prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados pola extrema dereita para agredir a lingua galega e as persoas que queren utilizala”, engade, “fortalecendo a consideración do galego como un idioma inferior”.
Entre estes elementos están a rotulación en galego das sinalizacións públicas, o carácter de lingua propia e oficial de Galiza e as súas institucións, o dereito a empregar a lingua propia con absoluta normalidade, a formación do funcionariado para que poida desenvolver as súas tarefas en galego ou que as subvencións dunha administración como a local, que ten a obriga de promover o galego, non poidan corresponderse con ese fin.
O TS pretende pór limites á oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera situación de igualdade respecto ao castelán. O TS estabelece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto. Ilegaliza ademais unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constantemente. O mesmo tribunal non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade.
A sentenza avalada polo TS ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns. Este aspecto contravén ademais o contemplado no parágrafo 3 da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, que sinala o compromiso de “garantir que as linguas rexionais ou minorizadas se empreguen na prestación dun servizo” tanto polas autoridades administrativas como “polas persoas que actúen no seu nome”.
“Con esta sentenza o TS e o TSXG renegan de ser de Xustiza”, insiste Maceira. “Que xustiza hai nunha sentenza que pretende manter a exclusión histórica do galego, a súa invisibilización e mantela inaudíbel e invisível na administración local e en todos os servizos que ofrece a través de empresas privadas?”. “A maioría das galegas e galegos, falantes ou non de galego”, afirma, “queren a súa lingua e queren que a administración actúe para repola e rehabilitala, como pretendía facer minimamente o Concello de Lugo a través da ordenanza” e lembra que “foi aprobada por unanimidade en correspondencia coa posición manifestada por todas as forzas políticas ao aprobaren o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”.
O TSXG deixa clara a liberdade para a administración municipal utilizar o galego sempre que se manter como lingua secundaria e que non se pretenda un mínimo estatus de igualdade. “Esa é a visión que teñen de Galiza e do galego”, indica Maceira. “Que liberdade hai de empregar o galego se as empresas concesionarias da administración non teñen que ofertala? A única liberdade que vén de recoñecer o TS é a destas empresas para excluír aos falantes de galego de servizos públicos”.
Embora a lexislación e acordos favorábeis á lingua galega sexan poucos e limitados, a vontade xeral por repor, rehabilitar e normalizar o noso idioma, fica claramente reflectida en textos como o Estatuto de autonomía de Galiza, a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, o Plan xeral de normalización da lingua galega, e mesmo tratados internacionais como a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas, ratificada polo Estado Español en 2001, ou outros acordos como a Declaración universal de dereitos lingüísticos.
A Mesa anuncia que iniciará accións contra esta sentenza nos próximos días xunto coa plataforma cidadá Queremos Galego e anima a sociedade galega a mobilizarse e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do conxunto do pobo galego.