17 de maio. Maniféstate pola lingua! En galego agora e sempre

A Mesa insta a Xunta a iniciar políticas que permitan reverter a situación de emerxencia lingüística que sofre o galego

A Mesa pola Normalización Lingüística sae ao paso da información sobre a emerxencia lingüística que vive o galego publicada por Praza Pública a partir dos datos do Censo 2021 do INE, instando a Xunta de Galiza a actuar con todos os mecanismos ao seu alcance e impulsar unha política lingüística que garanta a presenza e posibilidade de uso do galego en todos os espazos, garantindo a o coñecemento do galego a través do sistema educativo.

“É especialmente preocupante”, advirte o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, “que sexan xa case o 30% os menores de 20 anos que declaran serias dificuldades ou imposibilidade de se expresaren na lingua de Galiza“. “Estas son as consecuencias dun decreto contra o galego no ensino que só garante o aumento do descoñecemento da lingua do país e dificulta tanto que se manteña no seu uso a mocidade galegofalante como as novas incorporacións”, denuncia Maceira.

A Mesa insiste en que a situación de emerxencia lingüística que vive o galego é “reversíbel”, a pesar de todos os impedimentos para empregalo con normalidade e a pesar da súa exclusión da maior parte dos espazos da vida social como a educación, lecer, xustiza, administración, actividades económicas, medios de comunicación ou audiovisual, onde a porcentaxe de uso é ridícula e non se corresponde sequera coas estatísticas de uso social. “Nesta exclusión”, asegura o presidente da Mesa, “contra a que a Xunta non só non actúa senón que en ocasións parece que a promove, están as causas de baixada de falantes, especialmente na poboación máis nova”. “A pesar de todo isto”, recorda Maceira, “aínda existe unha parte considerábel de galegas e de galegos que fan uso da súa lingua de xeito habitual e isto proba a fortaleza do galego”.

A Mesa destaca que son iniciativas cidadás as que impulsan a presenza do galego, mesmo impoñéndolle ás propias administracións galega e estatal o cumprimento das súas obrigas ao respecto. Neste sentido, a entidade de defensa da lingua recórdalles ás administracións que deben cumprir as propostas saídas da sociedade e co apoio unánime das forzas políticas, como a Iniciativa Xabarín, para que o audiovisual deixe de ser outro espazo de exclusión do galego.  Neste sentido, Marcos Maceira denuncia que “nin a Xunta fixo nada aínda para garantir programación infantil e xuvenil en galego, nin o goberno central aceptou a igualdade de condicións en dobraxe, lexendaxe ou financiamento”.

“A única política lingüística da Xunta”, remata Maceira, “é a agresividade e, segundo os expertos do Consello de Europa, non realizar ningunha acción lexislativa ou política para achegarse ao cumprimento da Carta Europea das Linguas, nomeadamente, no ámbito do ensino”. Maceira recorda que as recomendacións para acción inmediata sinaladas polo Comité de expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas e do Comité de ministros do Consello de Europa e aínda pendentes de cumprimento son eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación axeitados, modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais por petición dunha das partes e usar o galego na administración do Estado en Galiza.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra