Allianz toma represesalias contra o cidadán ao que o xulgado recoñeceu o dereito a recibir a súa póliza en galego

Compostela, 15 de decembro de 2022.- Allianz vén de NOTIFICARLLE por escrito a NON RENOVACIÓN DOUTRO seguro ao empresario galego que o pasado mes de novembro conseguiu que un xulgado obrigara a aseguradora a GARANTIRLLE O DEREITO de asinar unha póliza de seguro de responsabilidade civil na nosa lingua, un dereito recoñecido pola lei 50/1980 de 8 de outubro de Contrato de seguro que indica no seu artigo 8 que “a póliza do contrato deberase redactar, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalizar”.

“É inadmisíbel que isto continúe a acontecer”, denuncia a Vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, “décadas despois de que a lei diga explicitamente que é o tomador ou tomadora quen escolle a lingua”. “Estamos a falar de contratos que son imprescindíbeis ou mesmo obrigatorios para a vida diaria e que afectan a miles de persoas e empresas”, recorda Quintas.

“A decisión tomada unilateralmente por Allianz de non lle renovar un contrato a este cidadán após anos como cliente exemplar obedece a unha clara represión por motivos lingüísticos: non interesan clientes que fan valer os seus dereitos. Esata é unha batalla de David contra Golías. Temos dereitos e imos exercelos”, subliñou Quintas.

A Mesa estima que máis do 70% das compañías aseguradoras non oferecen nengunha posibilidade de póliza en galego, incumprindo así a lei, e anuncia que se dirixirá a todas as compañías aseguradoras para que antes do 31 de decembro confirmen que cumpren a lexislación como paso previo a iniciar outras accións.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra