Unha veciña de Pontevedra asegura que un axente non só cuestionou o seu dereito a usar a súa lingua propia na relación coa policía, senón que finalmente a denunciou a ela por “faltar o respecto á autoridade”
A Mesa pola Normalización Lingüística pide que se tomen medidas para garantir o dereito a usar o galego en todas as comisarías, diante da queixa presentada por unha veciña de Pontevedra que o pasado mércores 10 de abril foi acusada por un axente de “faltar o respecto á autoridade” por insistir no seu dereito a a poder expresarse e ser atendida na lingua propia de Galiza.
Segundo denuncia esta veciña, o axente afirmou que el non entende o galego e cuestionou o dereito da cidadanía a expresarse nesta lingua diante das institucións. Aínda que a muller accedeu a cambiar de lingua, o axente continuou obstaculizando o proceso, polo que a denunciante decidiu paralizar o trámite e volver noutro momento para interpor unha queixa por non recibir o trato adecuado nin ser atendida na lingua propia, diante dunha persoa competente en lingua galega. Nese momento, o axente interpuxo unha denuncia contra a muller por “faltar o respeto á autoridade”, ao queixarse da súa actitude.
O presidente da entidade en defensa da lingua, Marcos Maceira, lembra que “os dereitos linguísticos son parte dos dereitos humanos” e que “a policía tería que estar para defendelos”. Neste sentido, A Mesa exixe ao Ministerio do Interior que se informe a todas as forzas e corpos de seguridade do Estado dos dereitos que deben defender e propón que se elabore unha campaña específica animando a usar o galego nas relacións con estes corpos.