A LIÑA DO GALEGO / A Mesa insta ao Concello de Ferrol a rectificar a exclusión do galego dos contratos

Anímao tamén demandar ao Estado que permita as publicacións orixinais en galego e a oficialidade do galego na Unión Europea

A Mesa pola Normalización saiu hoxe ao paso do anuncio do Concello de Ferrol de que deixará de publicar as licitacións de contratos en galego mostrando o seu rexeitamento á exclusión da lingua de Galiza.

A gravidade do feito reside en que o Concello de Ferrol asume así unha interpretación aínda máis restritiva da Directiva Europea do que xa o fai a lexislación do Estado. A solución no está en negar a oficialidade do galego senón en seguir publicando en galego e reclamar do goberno español que permita a publicación orixinal en galego e maiores esforzos para acadar a oficialidade do galego na Unión Europea.

Esta decisión do concello de Ferrol é contraria á oficialidade do galego e ataca todos os acordos sobre a lingua:  Estatuto, ao Plan xeral de Normalización da Lingua Galega, a Lei de uso do galego como lingua oficial das entidades locais, ou mesmo o plan de normalización do concello de Ferrol. Ademais, fronte ao que sinalou o alcalde, non é certo que nada indique que estes contratos se deban publicar en galego xa que o artigo 7 da lei 5/1997 de administracións locais de Galiza indica: 

1. O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.
As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega.

2. Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, tales entidades poden facelo, ademais, na outra lingua oficial, o castelán.

3. A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega.

Resulta cínico a apelación a unha Directiva europea cando o alcalde de Ferrol non se distinguiu na reclamación ao seu propio partido de que defendese a oficialidade do galego na UE que contribuiría a corrixir este tipo de exclusións do galego na lexislación. En calquera caso non é ao Concello de Ferrol senón aos parlamentos español e galego, a quen lle corresponde interpretar e trasladar á lexislación interna esas directivas. A lexislación galega, neste senso, é clara. O que debe facer o alcalde de Ferrol é reclamar máis avances para o galego e a desaparición de todo tipo de discriminacións á lingua de Galiza na lexislación e normas do Estado, neste caso reclamando a posibilidade de publicación de orixinais en galego mais sen deixar de publicar as versións  en galego.

A Mesa espera unha rectificación inmediata acompañada das accións precisas para que o Estado corrixa a normativa de publicación de contratos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra