Noticias Noticias da Mesa

A delegación do goberno multa un cidadán por reclamar atención en galego

A Mesa denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos que afectou tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán que pediu ser atendido en galego nun cribado da Covid19 en Rianxo

A entidade de defensa da lingua recorda que é obriga do funcionariado coñecer a lingua propia de Galiza e que a policía debe garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e non coaccionala para que deixe de usar o galego

A Coruña, 18 de outubro de 2021.- A Mesa pola Normalización denuncia que a delegación do goberno español en Galiza propón sancionar un cidadán cunha multa de 600 euros por reclamar ser atendido en galego nun cribado da Covid19. Os feitos sucederon o pasado 17 de abril de 2021, en Rianxo, cando o cidadán non só recibiu unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua senón que mesmo se lle chegou a negar a realización do cribado. Perante a súa indignación, interveu a Policía Local que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- o instou a mudar de lingua e empregar o castelán, “tentando explicar a esta persoa que ambas linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.

A entidade de defensa da lingua salienta a importancia duns feitos que en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “demostran que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo”. “Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos”, explica Maceira, “os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e
a delegación do goberno afonda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propondo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600€”.

En efecto, a delegación do goberno avalou o informe emitido polos axentes, deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por seren veciñas da vítima (como todas as citadas para o cribado). Neste sentido, a Mesa destaca “a falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola delegación do goberno español en Galiza”, que chega a cuestionar a comprensíbel indignación dun cidadán “solo por decirle que el personal médico no tenía la obligación de hablarle en gallego”. A Mesa advirte que con esa afirmación a delegación do goberno nega validez a un dereito recollido nos artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; ao art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; e ao artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Tampouco contempla a posibilidade de que en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015 estamos perante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública.A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego, xa se dirixiu á delegación do goberno, instándoa a suspender o procedemento contra o cidadán e a abrir dilixencias contra os policías. A Mesa solicita tamén que se forme os membros das forzas de seguranza nos dereitos lingüísticos da cidadanía para evitar que se repitan feitos como este.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis