A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa denuncia que o Concello de Vilanova de Arousa exclúe o galego da súa páxina web

A asociación exixiulle ao alcalde, Gonzalo Durán, que respecte a oficialidade do galego como lingua propia da administración local

Marcos Maceira: “Ou Gonzalo Durán pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer”

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta mañá que o Concello de Vilanova de Arousa non respecta a oficialidade do galego e exclúe a nosa lingua da páxina web institucional.

 

O Concello de Vilanova de Arousa incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais vulnerando os dereitos lingüísticos da veciñanza. Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, a páxina web institucional do Concello (http://www.vilanovadearousa.com) exclúe completamente o uso do galego na maior parte das súas seccións e contidos, ofrecendo a maior parte da información que contén unicamente en castelán. 

 

Marcos Maceira destacou que este tipo de exclusións non son casuais nin se deben a descoidos, senón que responden a unha política lingüística activa en contra do galego: “Ou Gonzalo Durán pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer”, sinalou o presidente da Mesa.

 

A asociación en defensa da lingua dirixiuse tanto ao alcalde do concello, Gonzalo Durán, como ao Valedor do Pobo para lles solicitar que o Concello de Vilanova de Arousa corrixa esta situación e cumpra a lexislación que protexe os dereitos lingüísticos da cidadanía galega. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, solicitou a ambos responsábeis que pesquisen sobre o grao de incumprimento do artigo 7 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, e o resto de ordenamento legal vixente en materia de normalización lingüística, por parte do Concello de Vilanova de Arousa na súa relación coa veciñanza.

 

A exclusión do galego por parte do Concello vulnera claramente a lexislación sobre a oficialidade da nosa lingua e o uso do galego como lingua propia das administracións locais: O  Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística,  indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. Máis concretamente, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galiza, que no seu artigo 7 promulga que “o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa Administración Local”, e continúa dicindo que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactáranse en lingua galega”. 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra