Noticias Noticias da Mesa

A Mesa e as entidades de ELEN procuran o recoñecemento da diversidade lingüística na UE

Compostela, 2 de xaneiro de 2021- A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participou na tarde de onte nunha xuntanza virtual con respresentantes da dirección xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea. Quintas aproveitou a participación da entidade galega nesta importante cita internacional para reivindicar, xunto con outros colectivos integrantes da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN), o recoñecemento da diversidade lingüística na Unión Europea.

A Mesa e as entidades de ELEN, que representan 46 linguas de 23 Estados europeos, solicitáronlle á dirección xeral europea a concreción deste recoñecemento nunha serie de accións clave: a apertura dunha canle de comunicación continua entre ELEN e a Comisión, a creación dun fondo europeo para as linguas en perigo, o deseño dunha estratexia marco para as linguas minorizadas e a creación da figura da/o defensor/-a das linguas e mais do Observatorio de Linguas. As entidades de defensa das linguas pedíronlle, tamén, á Comisión Europea que adopte un mecanismo adecuado para garantir que os Estados implementen e cumpran a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas, para promover a igualdade lingüística e para erradicar o odio contra falantes de linguas minorizadas.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) ten como obxectivo a busca de beneficios, a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 46 comunidades lingüísticas de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU. Está previsto que a próxima Asamblea Xeral de ELEN se celebre en Galiza, tan pronto como a situación sanitaria o faga posíbel.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Doazóns

Realiza unha achega económica puntual para axudar no funcionamento da asociación. Colabora aquí

Ler máis
Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis