A Mesa pola Normalización Lingüística

ARTIGO.- “O estraño xuízo”, por Manuel Rivas

O escritor e socio da Mesa publicou na edición galega do xornal El País un artigo sobre o xuízo ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.

“O estraño xuízo”, Manuel Rivas

Para ter un retrato comportamento autoritario, e as súas arroutadas, unha das lecturas de máis proveito é a obra de aforismos do poeta disidente polaco Stanislaw Jerzy Lec titulada ‘Pensamentos despeiteados’. Un destes aforismos refírese a certos paradoxos no eido xudicial: “O descoñecemento da Lei non exime do seu cumprimento; o coñecemento, si”.

A verdade é que non sei porque me lembrei agora do noso retranqueiro polaco. O conto é que hoxe, 10 de febreiro de 2012 (case século e medio despois da absolución de Curros Enríquez, no caso ‘Aires da miña terra’) vai ter lugar un xuízo nos tribunais da Coruña contra Carlos Callón, presidente da Mesa para a Normalización Lingüística. O motivo deste sentar no banco dos acusados a este investigador e ensaísta é unha denuncia presentada polo maxistrado Antonio Fraga Mandián.

O señor Fraga indignouse moito, á vista da súa reacción, polas críticas que o señor Callón lle fixo despois de que o xuíz, que ademais é decano na praza, declarase en público, nun xuízo, e así o recolleron os medios de comunicación: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. Éche o tal! O señor Callón, que é teimoso, lembrou tamén que o mesmo garante da Xustiza, e como resposta a unha petición veciñal, xustificara o uso deturpado do topónimo nun documento oficial por causa dun “erro ortográfico”.

Comprenderán que a razón deste artigo non é mostrar a estrañeza por semellante xuízo, con trazos de “Auto de fe” por mor da lingua. Digan o que digan, non é este un tempo de andar ás ceibas. A liberdade de expresión está en estado de vixía, hai máis que verzas na ola, e os pensamentos despeiteados van prendendo en liñas que semellaban invisíbeis, mais que son arames con pugas.

Así que, a quen corresponda, quero manifestar:

Respecto, acato e considero exemplar que o señor xuíz decano diga que “no tiene ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”; respecto, acato e considero exemplar que xustifique a variación de topónimo por motivo de “erro ortográfico”, e mesmo hortográfico. Respecto, acato e considero exemplar todo o que dixera, dixese ou diga o señor Fraga Mandián. Para contentamento xeral, suxiro que o señor Callón sexa desterrado de La Coruña, e confinado no futuro en A Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra