Nova incorporación a Abertos ao Galego: Camping A Gaivota

O Camping Poblado A Gaivota está moi perto da praia das Catedrais

O Camping Poblado A Gaivota (http://www.campingpobladogaivota.com/gl/inicio/)  foi deseñado e construído polo pintor Celso Dourado (www.celsodourado.com), que tamén é o promotor do espazo artístico coñecido como “Eido Dourado”, museo que aglutina arquitectura, pintura e paisaxismo. Eido Dourado está moi perto do camping e pódese visitar de balde en período estival.

O camping está ubicado no corazón dos oito quilómetros de areais de Barreiros, con acceso directo ás praias, conectadas entre si por un grande paseo que remata na praia das Catedrais.

A arquitectura deste camping destaca pola súa orixinalidade. A construción de madeira cristal e pedra dispón, ademais da zona de acampada, de diversos tipos de aloxamento como cabanas, caseríos, refuxios e albergues. Estas instalacións están ubicadas dentro do recinto do camping e teñen cociña, menaxe, frigorífico, baños, sala de estar-comedor, dormitorios e terraza.

 

A zona de acampada é moi tranquila, debido a que as parcelas están separadas con sebes vexetais e á grande cantidade de vexetación, ademais do contorno. Dispón tamén dunha zona de xogos infantís e dunha cafetaría de uso exclusivo para os clientes e clientas. Dispoñen tamén de servizos dotados de auga quente de balde, bañeira para bebés, lavadora e secadora, unha tenda de alimentación e zona de grellas e wifi.

 

Durante o verán os responsábeis do camping organizan de cando en cando algún concerto nas súas instalacións. Teñen estado no camping Quempallou, Sumrrá ou Habelas Hainas.

 

O galego é a lingua habitual dos traballadores do Camping A Gaivota, aínda que obviamente polo tipo de traballo que fan é imprescindíbel que dominen tamén outras linguas. Segundo nos comentan os seus responsábeis, a cuestión do idioma é unha elección natural.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra