Na rolda de prensa compareceron o presidente da Mesa, Marcos Maceira, a vicepresidenta, Mónica Pazos e responsábel nacional das Mocidades da Mesa, Sara Seco.
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe, día 6 de febreiro, en rolda de prensa, o informe da Liña do Galego.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto que A Mesa pon a disposición dos cidadáns desde o 2008, no que se poden presentar queixas sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos que fan algunhas institucións, empresas, etc ou tamén se poden facer consultas respecto a estes dereitos. Dentro deste servizo tamén se poden presentar parabéns para todos aqueles que garanten a presenza do galego e a vivir no noso idioma.
Explicaba Maceira que respecto ao informe do ano pasado, duplicáronse os contactos coa Mesa, xa foxen para poren queixas, consultas ou parabéns. En total, foron 339 queixas, 24 consultas e 68 parabéns. Este aumento de contactos está relacionada ca aplicación para telefonía móbil “Liña do Galego” que se puxo en movemento en xullo do 2016, aínda así o presidente da Mesa valora que “realmente o número de queixas que se tramitan son moi poucas en relación a todos os dereitos lingüísticos que se vulneran”.
Marcos Maceira fixo un repaso polas estatísticas do informe e deu a coñecer que a Administración reúne o 51% das queixas e argumenta que pode ser debido a que existe unha maior consciencia de que as administracións públicas teñen que usar a lingua galega e o seu compromiso co idioma debe de ser maior. Dentro da Administración pública, quen encabeza a lista é o Sergas seguida da Administración local e da Administración do Estado. Respecto ás empresas privadas, encabezan a lista as empresas de servizos as cales recriminan aos seus clientes o uso da lingua galega e se lles obriga a usar o castelán para completar os ditos servizos. Sinala Maceira que, “a chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos está á orde do día e que mostra que vivimos nunha situación onde o racismo lingüístico está absolutamente naturalizado”. Para o presidente da Mesa, vivimos nun marco legal onde teoricamente todos e todas temos dereito a utilizar o galego nas nosas relacións de consumo mais como na práctica as empresas non teñen obriga de corresponder, ese dereito non se pode exercer”. As empresas que operan en Galiza deberían de ofrecer en todos os casos a opción de galego e a Xunta ten que facer que así sexa. Se realmente quixer fomentar o emprega da lingua galega debería comezar por eliminar os limites, as chantaxes e as coaccións que impiden levar a cabo unha vida no propio idioma.
Maceira declarou que “desde A Mesa pola Normalización Lingüística, non só nos cinguiremos a denunciar esta situación, realmente o que queremos é que a Administración pública actúe corrixindo legalmente esta situación”. Neste sentido A Mesa presentou no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socio-económico que poña fin a esta situación e que garanta a igualdade dos e das galegofalantes nas súas relacións de consumo e socioeconómicas.
Por último, Maceira engade que “é incríbel que en pleno século XXI os galegofalantes esteamos excluídos e non podemos desenvolver con absoluta normalidade a nosa vida na nosa lingua”.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística animan a que todas as persoas a pórse en contacto con eles para denunciar todas esas vulneracións gravísimas coas que a sociedade galega se atopa na vida cotiá.