A Plataforma cidadá considera inaudito que se remita esta notificación de sanción tres meses despois dunha manifestación que transcorreu pacificamente e sen incidentes e durante a cal a policía en ningún momento fixo ver ao servizo de orde que se estivese a producir ningún dos feitos agora denunciados
Queremos Galego sinalou que o feito de se produciren denuncias similares a dúas plataformas distintas meses despois de se teren celebrado as manifestacións indica claramente que se trata dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais
Susana Méndez, coordinadora da Plataforma: “A Subdelegación do Goberno recorre á vía da represión para que deixemos de defender os nosos dereitos como galegos e galegas. Non é o primeiro ataque que padece Queremos Galego nin será o último, mais non van conseguir que calemos”
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2013. – Queremos Galego vén de pór en coñecemento da opinión pública a través dun comunicado a recepción dun escrito de denuncia enviado desde a Subdelegación do Goberno na Coruña no que se recollen diversas acusacións, entre elas as de “guindar globos e ovos recheos de pintura” ou “realizar diversas pintadas en entidades bancarias e locais comerciais” supostamente acaecidas durante o percorrido da manifestación convocada pola Plataforma e celebrada o pasado 17 de maio.
A este respecto Queremos Galego manifestou a súa sorpresa e indignación por estas acusacións, que se realizan máis de tres meses despois de celebrada a manifestación. Este feito, sumado a outra denuncia similar á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da que se tivo coñecemento hoxe mesmo, indica claramente, ao ver da Plataforma, que se trata dunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais, intentando así, pola vía da represión, que o pobo galego deixe de saír ás rúas para defender os seus dereitos.
No escrito de denuncia recóllese con detalle o contido das pintadas que segundo a Policía se terían producido durante a marcha en defensa da lingua, así como os estabelecementos onde se produciron, na súa maioría entidades bancarias. Cualifícase, así, a falta de grave, e indícase que tal infracción pode ser sancionada cunha multa de entre 300,52 e 6010,12 euros.
Desde Queremos Galego considérase inaudito que se remita esta notificación tres meses despois dunha manifestación que transcorreu pacificamente e sen incidentes e durante a cal a policía en ningún momento fixo ver ao servizo de orde que se estivese a producir ningún dos feitos agora denunciados, nin o propio servizo de orde tivo coñecemento en ningún momento de que así fose. Tampouco houbo, por parte das forzas de seguridade do Estado, ningún tipo de detención nin identificación de ningunha persoa das miles que marcharon ese día na defensa do galego, o cal fai pensar á Plataforma que os feitos denunciados non tiveron lugar durante o percorrido da mesma, e que se intentan empregar como escusa para criminalizar Queremos Galego, Plataforma que ten convocado numerosos actos e mobilizacións sen que nunca se producisen incidentes, nin deste nin doutro tipo, e que transcorreron sempre baixo a máis absoluta normalidade.
Ataques e pexas precedentes ás actividades de Queremos Galego
Desde Queremos Galego sinalan que esta é a primeira vez que desde a Subdelegación do Goberno se remite unha denuncia deste tipo á entidade que aglutina máis de 700 organizacións na defensa do galego, mais indican que con anterioridade xa se tiñan producido diversos intentos de dificultar as actividades da Plataforma, tanto por parte do Concello de Santiago, impedindo o uso do palco instalado na Praza da Quintana ou esixindo unha fianza de 600 euros para instalar un propio, como da propia Subdelegación do Goberno, que precisamente na manifestación do pasado 17 de maio, a mesma sobre a que agora se denuncia, obrigou a modificar o percorrido previsto desviando a mobilización polas estreitas rúas do casco histórico compostelán e facendo que se vira afectada a fluidez da marcha.
Neste sentido, Susana Méndez, Coordinadora da Xestora de Queremos Galego, indica que “non é o primeiro ataque que padece Queremos Galego nin será o último, mais non van conseguir que calemos, non poden pretender usurpar os nosos dereitos e que non saiamos ás rúas a defendelos, máxime cando se trata da nosa lingua, o maior sinal de identidade do pobo galego”.
Queremos Galego informa no comunicado de que vén de pór en mans dos seus servizos xurídicos este escrito da Subdelegación e que tomará as medidas oportunas, tanto legais e xudiciais, como de denuncia pública e mobilización, para impedir que, máis unha vez, se intente dificultar o traballo de defensa da nosa lingua que está a levar a cabo a Plataforma desde o seu nacemento.