Noticias da Mesa O Carballiño-O Ribeiro

A Mesa do Carballiño denuncia a exclusión do galego na nova sinaléctica da rúa Antonio Palacios

A Mesa pola Normalización Lingüística do Carballiño / Ribeiro vén de presentar un escrito no Rexistro do Concello do Carballiño para denunciar que a nova sinaléctica instalada polo consistorio incumpre a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística.

A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CARBALLIÑO / RIBEIRO, e no seu nome como responsábel da mesma, Eladino Cabanelas Fernández, con documento de identidade xxxxxx

 

EXPÓN o seguinte:

 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística vemos con mágoa e certa preocupación como a sinaléctica que ven de ser colocada na Praza contigua á Igrexa da Veracruz, como parte das obras de urbanización e axardinamento tanto da rúa Antonio Palacios como da propia praza está en castelán, facendo caso omiso da Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello do Carballiño aprobada, no seu momento co consenso das organizacións políticas. Esta ordenanza, no seu capítulo noveno, ademais de incidir na única forma oficial dos topónimos, di literalmente:

 

“Artigo XIX. Os rótulos, sinalización da Casa do Concello, dos outros edificios e servizos públicos dependentes do concello ou instalada polas súas empresas adxudicatarias ou concesionarias ou calquera outra entidade, serán redactadas en idioma galego…”

 

“Artigo XX. O Concello do Carballiño velará pola normalización de toda  a súa sinalización e rotulación…”

 

Ademais do escrito na devandita norma, dende A Mesa queremos destacar que este concello sempre se caracterizou polo seu respecto pola lingua galega asumindo, xa dende tempos anteriores á normativa, un uso normalizado da mesma, tanto dentro (plenos, comisións, documentación interna) como fóra da Casa do Concello (sinaléctica, bandos, normativas, etc). Sería, por tanto, triste romper este consenso asumido por todas e todos, mais se cabe, nuns tempos nos que a lingua galega, a lingua propia de carballiñeses e carballiñesas, se está a ver ameazada por políticas que rompen o compromiso da súa conservación.

 

Por isto SOLICITAMOS:

 

do Concello do Carballiño, a sustitución da sinaléctica e carteis actuais por outros redactados en lingua galega ou, como mínimo, nas dúas linguas oficias cumprindo deste xeito co espírito e a letra da Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello do Carballiño.

 

Desde A Mesa pola Normalización consideramos que o legado de Antonio Palacios, cuxa obra se caracterizou por crear unha arquitectura moderna, propia e puramente galega, inspirada nas máis antigas tradicións dos canteiros galegos ben se merece adornala como se debe. Neses adornos ou adobíos tamén entra por suposto a única lingua coa que a cultura galega se pode considerar propia, o galego.

 

Podemos entre todas e todos facer que o galego siga vivo, é responsabilidade de todos, sobre todo de quen pode achegar algo máis grazas ao cargo que ostentan. Hai nada celebramos, tamén nesta vila, o Dia das Letras Galegas. Non fagamos, non fagan, señores e señoras gobernantes, da lingua que homenaxearon o 17 de Maio, unha reliquia á que lembrar un só día do ano.

 

O Carballiño, 14 de xuño de 2013

 

Eladino Cabanelas Fdez.

RESPONSÁBEL DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA O CARBALLIÑO / RIBEIRO

 

 

 

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis