Carlos Callón: “Rosalía de Castro ergueu hai 150 anos a bandeira en defensa da lingua galega e da patria galega. Festexamos que continuamos nesa loita”.
Esta fin de semana vaise celebrar por toda Galiza o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837). O festexo nesta ocasión será aínda máis especial porque neste 2013 se fan os 150 anos da publicación do primeiro libro monolingüe contemporáneo en galego, os Cantares gallegos, que marcaron un antes e un despois na historia de Galiza.
A Mesa pola Normalización Lingüística anima toda a sociedade galega a participar nos diversos actos que se van realizar ao longo e largo do país nesta fin de semana e, ademais, a que “todas e todos celebremos esta data agasallando un libro en galego e unha flor”.
Desde a maior asociación cultural de Galiza lembran tamén que o acto nacional de festexo, convocado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), será o domingo 24 ás 12 do mediodía no Panteón de Galegos Ilustres. O presidente da Mesa, Carlos Callón, recoñece en particular o “enorme traballo, o impagábel traballo, realizado pola AELG para consolidar o 24 de febreiro como unha data imprescindíbel para todas as galegas e todos os galegos”. “Co atrevemento de publicar un libro monolingüe no noso idioma e erguendo a voz en defensa de Galiza, Rosalía de Castro ergueu hai 150 anos unha bandeira que aínda hoxe sostemos”, apunta Callón.
Librarías de Abertos ao Galego
Desde A Mesa animamos tamén a que se adquiran os libros para agasallar nesta fin de semana nas librarías que apoian o proxecto Abertos ao Galego, que son: Aira das Letras (Allariz), Como unha novela (A Laracha), A Nova e Torga (Ourense), Cartabón (Vigo), Pedreira (Santiago de Compostela) e Suévia (A Coruña).