Toponimia / A nosa (r)evolución

A Mesa pola Normalización Lingüística únese á petición do deseñador Antón Lezcano para (r)evolucionar o escudo da equipa de fútbol que representa á cidade da Coruña. Son moitas e moitos os deportivistas que desexan que o Deportivo empregue dunha vez por todas a toponimia oficial, que contempla a forma galega como a única válida.

Non é a primeira iniciativa neste sentido. Sempre desde a base, desde a afección, foron xurdindo en distintos momentos iniciativas para que o Deportivo corrixa unha anomalía histórica. Foron moitas as veces as que as siareiras do branquiazul demandaron que o nome co que se denomine a equipa sexa Real Club Deportivo da Coruña. Corrixindo a súa vez o topónimo do escudo, A Coruña. A última foi Dépor en galego que tivo un gran apoio que acabou minguando coa baixada do Dépor a categorías inferiores.

O Deportivo da Coruña é das poucas grandes marcas empresariais da cidade que segue mantendo o topónimo deturpado no seu nome xurídico. Un incumprimento da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística que o Concello da Coruña e a Xunta de Galiza permitiron e non esixiron que se respecte o nome oficial da cidade.

O xornal Quincemil lanzou esta enquisa en Twitter, mais non debemos esquecer que en galego sempre hai que facer a contracción da preposición (de + a): Concello da Coruña, por exemplo. A pesar de que no escudo pode ir o topónimo A Coruña, cando facemos alusión ao nome completo a única forma válida é a contraída, Deportivo da Coruña.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra