A Mesa pola Normalización Lingüística quere manifestar o seu contento pola contestación en redes de GADIS a un usuario que preguntaba pola etiquetaxe en galego, ao que a cadea de supermercados respondía “que pronto terían novas”.
Queremos lembrar que en novembro do pasado ano, A Mesa mantivo conversas coa equipa de marketing de GADIS para facer realidade a etiquetaxe dos seus produtos en lingua galega. Unhas conversas que veñen das queixas recollidas a través da Liña do Galego e que concluíron no compromiso por parte de GADIS de mudar a situación para comezar a etiquetar todos os seus produtos en galego.
No último informe da Liña, o maior número de queixas dirixidas a empresas, nas que se aglutinan vulneracións de dereitos lingüísticos, van dirixidas maiormente cara supermercados por non rotular ou non etiquetar os seus produtos en galego.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinala como esencial que a atención prestada tamén sexa en galego. “É de sentido común que calquera persoa se poida expresar na súa lingua propia no seu propio país, e máis se se tratar dunha lingua oficial como o galego. Porén, en Galiza, isto non está tan claro. Podemos utilizar o galego sempre, mais non sempre recibiremos a atención debida en igualdade de condicións que de falarmos outra lingua, o que é claramente discriminatorio” destacou.
Maceira apuntou que “se garantimos o dereito a termos atención en galego en calquera lugar, tamén estamos garantindo o mantemento de postos de traballo na nosa terra“.
Avalancha nas redes
Estas denuncias tamén tomaron forma nas redes, onde centos de usuarios e usuarias denunciaron a través das súas contas persoais que querían que, empresas como GADIS, etiquetasen en galego.
Como consumidor intento comprar produtos da terra que xeren emprego e riqueza en Galiza, mais alén diso tamén vexo un importante atractivo nos produtos que usan o idioma galego na etiquetaxe: transmíteme máis seguridade, maior confianza e acho que potencia o produto.
— X.Cotelo (@XCotelo) May 26, 2020
Un fío de chíos no que GADIS participou anunciando que “terán novas”.
@gadis como vai iso de etiquetar en galego nos vosos supermercados? 😁😁
— Por un contido infantil e xuvenil na TVG (@tvg_infantil_xa) August 11, 2021