A asociación apoia as demandas dos colectivos sociais e do profesorado de galego da comarca estremeira
A entidade presidida por Carlos Callón pide “investigar de oficio” se hai centros onde se presiona o alumnado para que non se matriculen na materia de Lingua Galega
A Mesa manifesta o seu apoio ás distintas voces que, nos últimos días, están a denunciar a situación de discriminación de facto que vive o ensino da lingua galega na comarca leonesa do Bierzo e a “carreira de obstáculos” que supón para o profesorado e para o alumnado e as súas familias xa non calquera ampliación da actual oferta educativa, senón o simple mantemento da xa existente.
A primeira voz de alarma volvíaa dar hai uns días, como en ocasións anteriores, o colectivo cultural Fala Ceibe, desta volta para denunciar presuntos “impedimentos” para poder cursar a materia optativa de Lingua e Cultura Galega no IES de Vilafranca do Bierzo por parte da dirección do centro e dun sector do profesorado, así como unha certa “campaña de desinformación”, que desde a entidade galego-berciana cualifican como “recorrente” cada vez que se inicia nos centros o período de matriculacións.
Á denuncia de Fala Ceibe sumouse nos últimos días a voz do colectivo de profesorado que imparte a materia optativa de galego nos centros da comarca berciana adscritos ao programa de ensino creado en virtude do acordo bilateral asinado no seu día entre a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla y León.
Este profesorado secunda as denuncias de Fala Ceibe, xa sinaladas e denunciadas perante institucións como a Consejería de Educacción castellano-leonesa ou o Procurador del Común da comunidade autónoma en cursos anteriores, e fala dunha “campaña de descrédito en toda regra” por parte dos equipos directivos dalgúns centros cara á materia de Lingua e Cultura Galega. Así, segundo este colectivo docente, que tamén demanda o apoio da cidadanía e das institucións e entidades culturais de Galiza, nalgúns centros adscritos ao programa de ensino do galego “non aparece ningún tipo de información sobre a materia nin no sobre de matrícula nin nas páxinas web”.
A Mesa demanda da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, como administración asinante do acordo para a promoción do ensino do galego no Bierzo, unha “vontade real” de desenvolver os seus compromisos e de cumprir, como é o caso, co artigo 21.2 da Lei de Normalización Lingüística, referido á protección da lingua galega nos territorios estremeiros en que se empregue.
A maior asociación cultural de Galiza exíxelle ao departamento que dirixe Jesús Vázquez Abad que faga as xestións oportunas para que a Consejería de Educación castellano-leonesa abra unha investigación de oficio nos centros educativos aludidos nas denuncias públicas formuladas e tome as medidas que foren precisas para garantir o dereito de todo o alumnado a cursar a materia de Lingua e Cultura Galega en toda a comarca do Bierzo.