Noticias Noticias da Mesa

A Mesa e entidades da comunidade educativa propoñen un modelo para a normalización do ensino en galego

A Mesa pola Normalización Lingüísitica, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais deseñan de xeito conxunto un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe 
Compostela, 23 de xuño de 2020.- A praza de Mazarelos de Compostela, onde Carvalho Calero impartiu aulas como primeiro catedrático de lingua galega da universidade galega, acolleu esta mañá a presentación da Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza realizada de xeito conxunto pola Mesa pola Normalización e movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais.
“O 1 de agosto de 2020 remata o prazo indicado polo Consello de Europa para que a Xunta de Galiza informe de que medidas se van tomar para garantir o cumprimento da Carta Europea das linguas”, recordou na presentación o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Este aviso chega despois dunha década de mobilizacións da sociedade galega contra o mal chamado decreto de plurilingüísmo, que impide garantir a capacidade de uso do galego, como mostran todos os estudos sociolóxicos”, sentenciou. O último estudo do IGE indicaba que 1 de cada 4 menores de 15 anos son incapaces de falaren galego. “O ensino non serve para contrarrestar a limitada presenza do galego na sociedade”, lamenta Maceira, “e mesmo reproduce a situación, como se puido comprobar na crise sanitaria coa moi reducida existencia de materiais didácticos en galego”.
O documento presentado esta mañá, que se pode consultar na rede, propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe, dentro do máximo que estabelece o marco legal. Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado nun proceso ao que ninguén pode ficar alleo. Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade. Suxírese tamén, tendo en conta o contexto sociolingüístico, un periodo de transición durante o cal se partirá dun mínimo do 50% para ir incrementando a presenza da lingua galega como vehicular e de aprendizaxe.

Coa súa Proposta de normalización do galego no ensino en Galiza, A Mesa, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais queren garantir o ensino en galego e dunha perspectiva galega que, ao tempo, contribúa a mudar a situación na sociedade. O documento, que recolle achegas de todas as organizacións asinantes e que conta cun amplo acordo, será presentado nos próximos días ás organizacións políticas e organizacións sociais, “para extender o apoio a unha proposta de extrema necesidade para o futuro de Galiza e do galego”. O presidente da Mesa agradeceu ás entidades asinantes e ás que finalmente decidiron esperar para confirmar o apoio, a súa disposición a traballar conxuntamente, “pondo a lingua por riba das lexítimas diferenzas”. “Despois de 10 anos o Decreto contra o galego chega ao seu fin. Damos un grande paso cunha proposta colectiva que sae da propia sociedade e da comunidade educativa, á que, estamos certos, se sumarán máis entidades do ámbito educativo. Traballaremos desde hoxe para que a aplique o goberno que saia das urnas o 12 de xullo, comezando por presentarlla aos partidos que concorren”.  
Participaron na presentación Marcos Maceira, A Mesa pola Normalización Lingüística; Lucía Barreiro, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG); Santiago Quiroga, Nova Escola Galega (NEG); Fernando Lacaci, Confederación de Anpas Galegas; Xesús Bermello, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino); José Carlos Fernández Balado, Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino); Maica Couto, Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG).

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis