Entregamos no Parlamento máis de 33000 sinaturas en apoio da iniciativa Xabarín para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

Esta mañá, entregamos no Parlamento de Galiza máis de 33000 sinaturas en apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.

“A enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificuldades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta”, asegura o presidente da entidade, Marcos Maceira. Neste sentido, Maceira lembra tamén que “a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e cae ao 2,7% na fin de semana e que a programación en galego só está garantida por unha única canle, a TVG”. “No contexto das pltaformas dixitais o galego, simplesmente, non existe”, denuncia. Esta é a realidade que quere mudar a Iniciativa Xabarín.

“A unanimidade social arredor da Iniciativa Xabarín débese reflectir nun apoio unánime do Parlamento”, afirma Maceira. Neste sentido, o responsable da entidade de defensa da lingua advirte que a Mesa traballará os próximos días en conseguir o voto afirmativo de todos os grupos parlamentares.

Anunciamos que após o debate parlamentar a iniciativa continuará desenvolvéndose para que a nova lei do audiovisual que presentará o goberno español recolla estas demandas estabelecendo unha porcentaxe de galego igual a do castelán en todas as emisións orixinais, dobradas ou lexendadas, lineais ou baixo demanda, así como igualdade no financiamento antecipado das producións. Un amplo apoio do parlamento de Galiza á iniciativa sería fundamental para conseguir que o proxecto de lei do audiovisual garanta os mínimos que lle corresponden á lingua galega e estabeleza para o galego o mesmo que para o castelán. “A situación do galego non é irreversíbel se entre todas e todos traballamos para mudala“, salienta Maceira, “e iso pasa, en primeiro termo, por garantir a presenza do galego en todos os espazos tamén o audiovisual que cada vez máis ocupa un espazo central no lecer da mocidade”.

Dende a Mesa, agradecemos aos centos de estabelecementos comerciais e de restauración, persoas voluntarias e as entidades sociais que mantiveron até o final con moitas dificuldades a colaboración coa iniciativa.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra