Pedímoslle á RAG que lle ofreza a Carvalho Calero “unha homenaxe completa, non restrinxida” o 17 de maio de 2021

Recordámoslle á entidade responsábel da elección do adicatorio que a crise provocada pola Covid-19 limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego este 2020 e que mesmo actos previstos por institucións culturais para este mes foron finalmente anulados polas restricións sanitarias

Compostela, 15 de outubro de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística reiterou esta mañá a súa petición formal á Real Academia Galega para “alongue” ao 2021 a dedicación do Día das Letras galegas a Ricardo Carvalho Calero. A entidade de defensa da lingua recordoulle á RAG, entidade responsábel da elección do adicatario desta data, que as circuntancias sanitarias en relación á homenaxe a Don Ricardo Carvalho Calero neste 2020 non melloraron nesta última parte do ano.

“Se ben os centros de ensino abriron no mes de setembro”, indica a carta que o presidente da Mesa, Marcos Maceira, no escrito que lle dirixe ao presidente da RAG, Vítor F. Freixanes, “non o puideron facer en condicións normais e na grande maioría están restrinxidas a celebración de actos de todo tipo incluídas as actividades culturais”. “Como aínda recentemente expresou a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura”, engade, “a incerteza limitou a planificación da actividade do asociacionismo cultural galego”. “Mesmo actos preparados por entidades culturais ou mesmo institucións para este mes foron anulados por causa das restricións impostas pola autoridades sanitarias”, recorda.

“As circunstancias deste 2020 non dependen da Academia nen de ningunha outra institución”, remata a solicitude, “mais pensamos que hai posibilidade de paliar os efectos que está a ter a epidemia que sofremos nas decisións que tomemos e que D. Ricardo Carvalho Calero merece unha homenaxe completa, non parcial nen restrinxida. Por isto reiteramos a petición realizada de prolongar a 2021 a celebración do Día das Letras Galegas adicado a D. Ricardo Carvalho Calero”.

A adicatoria do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero foi motivo de celebración por grande parte das entidades sociais e culturais de Galiza polo merecemento do autor e por ser reclamado por moitas destas entidades, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística, desde había moito tempo. Todo este tecido social que pula día a día polos avances na normalización da nosa lingua coincide na relevancia da personalidade e ampla obra de Carvalho Calero para o obxectivo común da dignificación e plena reposición do galego en todos os ámbitos. A Real Academia Galega adiou os actos oficiais do Día das Letras Galegas ata este mes de outubro, no que ademais se celebra o 110 aniversario do nacemento do autor homenaxeado en 2020, Ricardo Carvalho Calero, pero a segunda ola da crise sanitaria está a facer que sexa imposible a socialización “completa, non restrinxida” da homenaxe ao autor ferrolán.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra