AUDIOVISUAL / O sector audiovisual valora como un éxito o votado polo Parlamento Europeo

A inciativa polo galego no audiovisual deixalle ao actual goberno español unha oportunidade única na presidencia de quenda da UE para recoñecer a súa realidade plurilingüe e contribuír a reparar a situación das linguas do Estado e as de Europa.

Representantes do sector audiovisual valoraron esta mañá en rolda de imprensa a aprobación, por parte do parlamento europeo, do relatorio para a aplicación da Directiva audiovisual, salientando a inclusión dunha emenda elaborada polas entidades agrupadas na Iniciativa polo galego no audiovisual na que se destaca “a importancia de facilitar a acesibilidade (dobraxe, lexendas, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado”. O Parlamento europeo recorda, tamén, que “é fundamental designar, sen demora inxustificada, un ponto de contacto em liña facilmente acesíbel e disponíbel ao público en todos os Estados Membros” e reclámalle á Comisión máis esforzos para divulgar obras europeas que representen toda a diversidade lingüística europea, tendo em conta as linguas oficiais e as linguas rexionais e minorizadas.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, recordou esta mañá que o relatorio chegará agora á Comisión Europea para a harmonización da aplicación da directiva europea que está a ser transposta ás lexislacións audiovisuais estatais. No caso do Estado españo,l fíxose en maio do 2022 coa aprobación dunha lei audiovisual que non incluía a dobraxe e lexendaxe a todas as linguas. “Porén”, explicou, “a vindeira lei do cinema prevé modificar tamén a lei audiovisual polo que a inclusión da dobraxe, lexendaxe e audiodescricións pode ser inmediata se houber vontade”.

A Mesa resaltou a importancia da mobilización da sociedade galega para acadar este posicionamento do Parlamento europeo. “Galiza conseguiu un importante paso para o galego e todas as linguas europeas”, afirmou Maceira. “Sen a iniciativa Xabarín, sen as emendas que presentou á lei audiovisual a Iniciativa polo galego no audiovisual, sen as emendas a este relatorio, sen a perseverancia na reclamación”, sentenciou, ” non se tería producido este posicionamento histórico do Parlamento europeo a favor da presenza no audiovisual de todas as linguas europeas e non só as oficiais dos Estados”.

Marcos Maceira lembrou que tanto a iniciativa Xabarín, promovida pola entidade e aprobada por unanimidade no Parlamento galego, como a Iniciativa polo galego no audiovisual, foron pioneiras nesta reclamación ao Estado español, ao contemplar no punto 2º e 3º igualdade na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións. Ao non ser incluída na lei audiovisual, só ficou a opción de continuar a defensa desta necesidade no Parlamento europeo. Neste sentido, A Mesa agradeceu especialmente á súa socia e deputada do BNG Ana Miranda o esforzo na presentación da emenda e a xenerosidade á hora de coordinarse e de ceder o protagonismo ás entidades sociais galegas, favorecendo a súa intervención no Intergrupo de linguas do Parlamento. O agradecemento fíxoo extensivo á deputada do grupo ALE, Diana Ribas, que defendeu a emenda na Comisión, e ao copresidente do Intergrupo de linguas Francois Alfonsi.

“Xa non hai excusas para a aplicación inmediata por parte dos gobernos galego e español de todo canto incluía esta iniciativa”, afirmou o presidente da entidade de defensa da lingua. “Esperamos que tal e como nos indicaron da dirección da TVG, no que a ela respecta, antes de setembro haxa avances significativos”.

Tanto A Mesa como o resto das entidades do sector que participan na Iniciativa alentaron o goberno español a mudar, “canto antes”, a lei audiovisual para asumir as indicacións de Europa, incluíndo as emendas presentadas polo sector na nova lei do cinema. Ademais da lei, recodaron, “é fundamental que TVE comece mañá mesmo a cumprir tanto coa iniciativa Xabarín como cos mínimos no uso do galego que xa estabelece a lexislación”.

Neste sentido, Soliña Barreiro recordou que o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC que leva xa tres proxectos de investigación vencellados con esta cuestión e defendeu que o traballo desenvolvido polo grupo converxe con outros operadores para mellorar a lei audiovisual. E Uxía Caride salientou que hai que seguir mellorando o marco de acción, con maior protección para os cinemas propios dende a produtoras independentes.

Ana Miranda, en videoconferencia dende Estrasburgo, salientou o elevado interese que suscitou a visita do sector ao grupo interlinguas do Parlamento europeo, onde se encheu a sala, e defendeu que as emendas 16 e 17 xurdiron da Iniciativa Galega polo Audiovisual. “Estas emendas recollen a todo tipo de linguas minorizadas minoritarias ou rexionais de Europa e insta a todos os estados membros, incluído o español”, recordou, “a que poñan a funcionamento”. Pola súa banda, o copresidente do intergrupo de linguas, Francois Alfonsi, felicitou ao sector galego pola inclusión das linguas históricas e pola importancia neste caso da lingua galega.

“A situación do galego é de emerxencia e non pode esperar máis”, recordou Maceira. “Se en setembro non hai mudanzas significativas na situación do galego no audiovisual”, advertiu, “retomaremos a Iniciativa Xabarín e mobilizarémonos para que se cumpran todos os acordos. Este 17 de maio visibilizaremos esta posición”.

Foto: Santi Alvite

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra