A Mesa pola Normalización Lingüística

Queremos Galego inicia un novo calendario de mobilizacións para exixir a derrogación do Decreto de Plurilingüismo

Recollerá sinaturas através da súa páxina webe convoca unha gran manifestación nacional para o 27 de xaneiro

O 12 do 12 de 2012 ás 12 horas fará unha concentración con “sorpresas” diante da Xunta

A plataforma Queremos Galego, que aglutina máis de 700 entidades e que está coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, anunciou hoxe un novo calendario de mobilizacións para exixir a derrogación do Decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a elaboración dunha nova norma que teña como punto de partida o Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento no ano 2004.

Queremos Galego xa puxo en marcha unha recollida de sinaturas a través da súa páxina web e fai un chamamento á sociedade para que participe nunha concentración diante da Xunta en  Santiago convocada para as 12:00 horas do día 12 de 2012 e  nunha manifestación nacional que sairá  doce da Alameda de Santiago o 27 de xaneiro.

Na conferencia de imprensa realizada hoxe o portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, explicou que nas catro sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, logo dos recursos presentados por Queremos Galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a Real Academia Galega, fica claro que este decreto nos seus núcleos fundamentais é ilegal. “O Goberno galego ten que volver á liña que nunca debeu abandonar, a de que os rapaces e rapazas teñan competencia no noso idioma e o galego estea presente en todas as etapas educativas”. Callón insistiu en que á Xunta só lle queda o camiño de derrogar o Decreto.

A portavoz de Queremos Galego Susana Méndez tamén cualificou de “má nova” para o galego a reelección de Jesús Vázquez como conselleiro de Educación e lamentou a “arrogancia e prepotencia” coa que o Goberno galego acolleu as catro sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O TSXG acaba de facer unha chamada á orde para que cando menos se eliminen artigos que non fan máis que afondar no intento de erradicara lingua galego do ensino”.

 Queremos Galego agarda que a mobilización do 27 de xaneiro volva ser un fito histórico e convidan á sociedade galega para que “fale o que fale” amose que o trato que se lle dá ao galego desde que Feijoo é presidente da Xunta non é o adecuado.   

Accede aquí á ligazón para asinares o manifesto QUEREMOS GALEGO NA ESCOLA! DERROGACIÓN XA DO DECRETAZO!

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra