A Mesa de Bergantiños identifica vinte topónimos deturpados na sinaléctica do concello de Cabana de Bergantiños

Na rotulación pública permanecen topónimos deturpados como “O Pineiro” (O Piñeiro) ou “Puenteceso” (Ponteceso)

Bergantiños, 13 de decembro de 2013. O responsábel da sección da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños, Xosé Cotelo, entregou hoxe un escrito no rexistro do concello de Cabana de Bergantiños exixindo a corrección de todos os topónimos deturpados existentes no concello.

 

A Mesa de Bergantiños recalcou que a Lei de Normalización Lingüística, aprobada hai máis de trinta anos, estabelece no artigo 10 que “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, que “corresponde á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos núcleos de poboación” e que “estas denominacións son as legais a todos os efectos e as rotulacións terán que concordar con elas”.

 

Xosé Cotelo apuntou que na Mesa temos constancia de vinte nomes de lugar incorrectos: Puenteceso (Ponteceso), Cundís (Cundíns), O Regengo (O Reguengo), O Budual (O Bidual), O Pineiro (O Piñeiro), Rioboó (Riobó), Egipto (Exipto), etc…”

 

A sección comarcal da Mesa lembroulle ao goberno local que os nomes de entidades de poboación do concello foron fixados polo goberno galego hai xa máis de dez anos no Nomenclátor, mediante o Decreto 189/2003 do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.

 

Neste sentido, o responsábel da Mesa en Bergantiños fixo un chamamento “á responsabilidade, non só legal senón tamén moral, do concello de Cabana na salvagarda e protección do noso patrimonio toponímico”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra