A Mesa valora positivamente a rectificación da empresa e anima a outras compañías a facilitar a documentación en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística consegue que a aseguradora Génesis rectifique na súa negativa a facilitar os documentos de pólizas e seguros en galego.
A Mesa rexistrara a comezos desta semana unha queixa dun usuario que solicitara a súa póliza de seguros en lingua galega, petición que a compañía aseguradora non accedía a realizar. Desde Génesis apuntábase a que se non entendía o castelán, podían facilitarlle a documentación da póliza en inglés. A negativa da empresa contraviña os dereitos legais do cliente, pois unha das cláusulas do contrato é o artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifican: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”
Desde a Mesa amosan a súa satisfacción polo cambio de actitude da aseguradora, pois pediu desculpas a través das redes sociais e informou que non voltará a impedir que a clientela teña os contratos e pólizas en galego.
O presidente da Mesa Marcos Maceira, considera que “exercer os dereitos lingüísticos e non permitir a súa vulneración non só é bo para a persoa que os exerce, senón que é positivo para a lingua e a sociedade en xeral”.
“Desta pequena vitoria para a lingua galega e os dereitos das persoas galegofalantes, deben tomar nota outras aseguradoras que reiteradamente incumpren a lexislación e non ofrecen a posibilidade de que en Galiza a súa clientela poida dispoñer da documentación en galego” apunta Maceira.
A Liña do Galego, servizo gratuíto da Mesa para consultas, queixas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos demostra ser unha ferramenta moi útil para impedir que se vulneren os dereitos das persoas galegofalantes. Para Maceira “o lamentábel é que en 2017 aínda haxa que mobilizarse para algo tan simple como o cumprimento da escasa lexislación que ampara o galego” e engadiu que “a mundanza de actitude por parte de Génesis tamén demostra que actuando e denunciando conséguese avanzar”.
O presidente da Mesa denunciou a actitude da Secretaría Xeral de Política Lingüística: “está desaparecida e hai un desleixo de funcións ante a flagrante vulneración dos dereitos lingüísticos”. “É sorprendente que aínda teñan que ser entidades sociais as que consigan que se cumpran mínimos en relación ao galego” e por iso “agardamos que axiña se aprobe no Parlamento Galego a ILP que promovemos desde a Mesa para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, que eviten estas situacións” concluíu Maceira.