A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa denuncia en Vigo dous graves casos de discriminación contra galegofalantes na sanidade e na xustiza

Unha parella en Vigo tivo que casar en galego con intérprete e un paciente acumula 237 días na lista de agarda porque o SERGAS se nega a entregarlle a documentación persoal en galego.

Carlos Callón: “Desde que goberna Núñez Feijóo multiplicáronse os obstáculos e as discriminacións contra as persoas que queremos vivir en galego”.

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística arrouparon esta mañá dous veciños de Vigo que padeceron “graves casos de discriminación por quereren usar o galego”.

 

Por unha banda, unha parella que solicitara que a súa voda nos xulgados da cidade se realizase en galego encontrouse coa negativa da maxistrada a utilizar este idioma. Finalmente, tiveron que realizar a cerimonia a través dunha intérprete. Aconteceu o 17 de febreiro deste mesmo ano, hai menos dun mes, porén o presidente da Mesa, Carlos Callón, denunciou que “non é a primeira vez que no século XXI nos encontramos con situacións tan esperpénticas como esta”. “É máis doado casar en galego en Las Vegas que en Galiza”, ironizou.

 

No acto desta mañá tamén se denunciou o caso dun paciente que leva 237 días agardando unha operación. O SERGAS posponlla unha e outra vez porque este cidadán quere asinar a documentación persoal –en concreto os consentimentos informados– na súa lingua, algo plenamente legal e lexítimo. A avogada do afectado, Elsa Quintas, manifestou que están a estudar levar o tema aos tribunais xa que se trata dunha lesión aos seus dereitos civís por razón de idioma.

 

O paciente tivo primeiro problemas co hospital Fátima, privado mais con convenio co SERGAS, no cal chegaron a ameazalo dicíndolle “Si pides firmar en gallego no te operamos”. Tras a presión social o centro rectificou e ofreceulle a documentación en galego, só que para ese momento os especialistas decidiran que, polas características da súa doenza, esa intervención cirúrxica non debería realizarse alí, senón nun hospital público. Desde ese momento, xa completamente no SERGAS, o afectado aínda non puido conseguir asinar os papeis na súa lingua, a pesar de que o solicitou en diferentes ocasións.

 

O presidente da Mesa alerta de que nestes dous exemplos se ve “o continuado deterioro dos nosos dereitos lingüísticos desde que Núñez Feijóo é presidente da Xunta”, xa que “é máis difícil a día de hoxe vivir en galego do que o era hai tres anos”. Callón pediu que “os poderes públicos corrixan estas situacións de discriminación” e que “se constrúa unha sociedade onde as persoas que queremos vivir en galego non sexamos tratadas como cidadáns de segunda”. “Queremos igualdade de dereitos, igualdade de oportunidades!”, concluíu.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra