Prezada/o socia/o, amiga/o: Durante o mes de agosto a oficina está pechada por vacacións.


Noticias Noticias da Mesa

A Mesa lanza un manifesto en favor do cinema galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente un manifesto chamado “O cinema heroico galego” para lanzar unha campaña de apoio en favor do cinema rodado en lingua galega. O documento conta co apoio inicial de 150 profesionais do sector e diversas compañías como a Academia Galega do Audiovisual, Asociación de profesionais da dobraxe, Asociación de Produtoras Independentes, Asociación Galega de Actores e Actrices, entre outras.

O presidente da Mesa Marcos Maceira, argumentou que “no século XXI, sen audiovisual, sen cinema non podemos inmortalizar a nosa historia nin aquilo que queremos dicir como pobo”. A realidade é que temos unha escena galega que actúa e temos un cinema galego que fai moito esforzo por existir malia todas as trabas, un verdadeiro esforzo heroico. Maceira salientou a capacidade creadora do pobo galego exemplificando como a pesar da ditadura e dos séculos escuros a literatura galega floreceu e deu grandes escritores e escritoras.

Para a asociación en defensa e promoción do galego é unha anomalía que o galego non teña presenza na televisión, nas salas de cinema en Galiza ou nas novas plataformas dixitais como Netflix cando noutras linguas como o euskera e o catalán si hai presenza. Para Maceira “é unha cuestión de dignidade que o pobo galego poida expresarse e desfrutar dun sector audiovisual en galego” por iso non se poden consentir os problemas que poñen as distribuidoras para proxectar filmes en lingua galega ou o desleixo total da Xunta de Galiza de promover o sector audiovisual. “Na práctica están furtando o dereito dos galegos e galegas a veren e desfrutaren do cinema en lingua galega, na súa lingua” concluíu.

Unión do sector para seguir traballando en galego

A presidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices Nieves Rodríguez puxo en valor a importancia que ten o galego para o sector audiovisual, “o galego une temos o firme compromiso de apoiar o manifesto que lanza a Mesa”. Mabel Rivera actriz e vicepresidenta da asociación fixo fincampé na necesidade de que se conte con actores e actrices galegos pois son axentes normalizadores que transmiten o idioma.

Pola súa banda, a presidenta da AGAPI Uxía Caride, reclamou o apoio das institucións para o audiovisual galego, pois teñen a obriga de promover a lingua e cultura deste país, mentres que a directora de cine Anxos Fazáns reivindicou que os filmes que teñen actores e actrices galegas deberían ser feitas en galego sen que fose unha anormalidade e expresou as dificultades para traballar en galego en Galiza.

Laura Fernández representante de Vía Láctea Filmes argumentou que “para a produtora sempre se apostou por rodar, non só en Galiza, senón tamén en galego” algo que lle supuxo obstáculos pero que afrontan co compromiso firme en favor da lingua galega e animou ás distribuidoras a contar con cinema en lingua galega nas súas salas. O director desta produtora, Ignacio Vilar botou en falta que o goberno galego non aposte polo sector audiovisual a pesar de ser un sector estratéxico.

Quen asina o manifesto pode verse en http://www.manifestocinemagalego.gal/ e desde as entidades fan un chamamento a apoialo masivamente para que se vexa o sentir do pobo galego que demanda de cinema na súa lingua.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis