As políticas criminalizadoras do Goberno español poden pór en perigo a mobilización anual do Día das Letras

Carlos Callón: “O PP non quere que saiamos en defensa do galego, mais non nos van calar”

“Parece que non estamos en vésperas de 2014, senón que estamos a facer unha viaxe no tempo, moi para atrás”

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013.- A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades so o obxectivo de defender a lingua de Galiza, deu esta mañá unha conferencia de imprensa para denunciar “a continuación da sanción do Goberno español por nos manifestarmos en defensa do galego o pasado Día das Letras”.

 

“Todas estas políticas contra o galego, primeiro, e contra a posibilidade da xente de saír á rúa en defensa do galego, despois, son parte central dun panorama de retrocesos nos dereitos sociais que está a levar a cabo o PP”, valorou o portavoz nacional de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen considerou que “en troca de estarmos nas vésperas de 2014, parece que estamos a facer unha viaxe para atrás no tempo, para épocas moi escuras en que o galego estaba proscrito ou indefenso e a mobilización social era criminalizada sistematicamente”. “Porén, non nos van calar!”, enfatizou.

 

“Tras as experiencias de varios anos do PP tentando evitar que continuasen as nosas mobilizacións (por exemplo, nos últimos tempos mesmo houbo que chegar á vía xudicial para podermos ter un punto de luz e a licenza para colocar un palco, que negaban institucións rexidas polo PP), non nos fica outra que saber que cada mobilización de Queremos Galego se pode traducir en sancións inxustas, baseadas en argumentos falaces e claramente antidemocráticas. Ademais, temos que estar advertidos de que coas novas medidas legais que prepara o Goberno español, como a chamada “Lei de Segurodade Cidadá” tamén poderían chegar ao punto de tentaren evitar a realización da mobilización cidadá do Día das Letras en 2014”, sinalou Callón.

 

En relación coa sanción do Goberno español contra Queremos Galego nestes momentos, indicou que “acaban de recibir” unha nova comunicación, na cal a Delegación do Goberno rexeita as probas e as testemuñas achegadas pola plataforma e “mesmo presenta unha nova información, bastante absurda, hai que dicilo”. Así, o escrito da Delegación apunta que houbo un policía que se paseou polas rúas de Santiago de Compostela antes da manifestación e que “non viu ningunha pintada”, polo que pasa a responsabilizar a plataforma Queremos Galego das que viu despois nesa xornada, aínda que recoñecen que non viron a ninguén facéndoas. “Se isto for verdade, o cal habería que analizar con moita cautela, tamén nos temos que preguntar por que din agora que houbo ese suposto paseo policial e non achegaban esa información desde o comezo do procedemento sancionador”, explicou.

 

Ademais, desde Queremos Galego observaron que “hai pintadas das que nos responsabilizan a nós e que parece que son as mesmas polas que tamén son sancionadas organizacións feministas por se mobilizaren outro día diferente, con outras razóns tamén diferentes, o cal demostra que aquí non hai máis que un copia e pega por parte da Delegación do Goberno para criminalizar os movementos sociais que contestan as políticas do PP, o que eles consideran a súa lista de sospeitos habituais”. “Se houber actos vandálicos, desde Queremos Galego seriamos os primeiros en rexeitalos, mais por fortuna non foi ese o caso. Nós defendemos o civismo desde o civismo, como sempre fixemos e faremos”, concluíu Callón, quen tamén estivo acompañado na conferencia de imprensa por outros representantes de Queremos Galego, como Bieito Lobeira, Marcos Maceira e Carlos García Vieito.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra