A Mesa pola Normalización Lingüística

O galego como oportunidade de coñecemento

Reproducimos a resposta do vicepresidente da Mesa ao comandante Federico Supervielle publicada hoxe no Diario de Ferrol

O GALEGO COMO OPORTUNIDADE DE COÑECEMENTO

 

Tres foron os anos que estivo o señor Federico Supervielle exercendo de comandante-director na escola de especialidades da Armada “Antonio de Escaño”, tres anos nos que mirou sen ver; en certo modo, tres anos desaproveitados.

 

Cando recentemente cesa no seu cargo e aproveitando unha entrevista publicada no Diario de Ferrol o pasado 23.07.2013 permítese o luxo de identificar na nosa sociedade un só aspecto conflitivo, e lonxe de se lembrar do proceso xudicial aberto pola venda de numeroso material militar nas chatarrarías da nosa comarca, identifica a materia de Lingua galega como un “problema” na educación dos fillos dos militares que afirma ter e teren “sufrido”.

 

Que o galego sexa a nosa lingua propia, que sexa a lingua común que nos identifica como galegas e galegos non supón impedimento para que esta persoa desde o cargo que ocupou arrede máis unha vez o entorno militar do conxunto da sociedade ferrolá. Cando abrirán os ollos as institucións militares con presenza en Ferrol para se decataren de que tamén esta sociedade ferrolá paga cos impostos de seu o seus soldos?

 

Utiliza unha suposta defensa dos menores de idade para facer propostas de modificación da normativa legal vixente. “El Ministerio y la Xunta deberán abordar el tema y llegar a un acuerdo que tenga en cuenta nuestra idiosincrasia y una elevada movilidad cuyas consecuencias hay que paliar para no perjudicar a los menores”. Isto é cando menos alleo ás súas responsabilidades. Cando a prudencia e o respecto ás normas básicas de convivencia evitará que fagan propostas que corresponden só e exclusivamente aos civís?

 

O señor Federico oculta a realidade, pois se efectivamente é pai con fillos en idade escolar saberá que a normativa educativa que critica permite aos rapaces e rapazas chegados doutras comunidades (sexan fillos de militares ou de albaneis…) estaren exentos de avaliación na materia de Lingua galega e literatura durante varios cursos desde a súa chegada. Paradoxalmente este trato diferenciado non existe para o castelán na Galiza, que é materia de exame desde o primeiro curso independentemente da procedencia da alumna/o.

 

Faría ben en fitar para as oportunidade que tivo no seu posto de traballo e evitarlle o erro ao seu sucesor. A escola “Antonio de Escaño” ten desde hai 12 anos un Departamento de idiomas que ben podería servir, tamén, para arroupar os militares desprazados na nosa comarca, os cales non dispoñen do apoio do excelente corpo docente do noso sistema de ensino. Non se preocupe, houbo quen dixo: O saber non ocupa lugar.

 

Carlos Outeiro Baamonde

Responsábel na comarca de Ferrol

A Mesa pola Normalización Lingüística

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra