A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa denuncia que o Concello do Barco de Valdeorras non respecta a oficialidade do galego

“Esto es así, siempre fué así. ¿No ves que esto te es pal juzgado?”, foi o razoamento dunha funcionaria para negarse a entregar unha acta de casamento en galego.

Susana Méndez: “É inconcebíbel que trinta anos despois da LNL haxa concellos que continúen sen se enteraren de que o galego é a súa lingua oficial”

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2013. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que o Concello do Barco de Valdeorras non respecta a oficialidade do galego tras ter coñecemento das pexas do consistorio para lle facilitar a un edil do BNG un modelo acta de casamento en galego.

 

Vítor Sierra, voceiro municipal do BNG no Barco, tivo que padecer as doce probas de Hércules para conseguir que no concello lle entregasen un acta de casamento na lingua propia de Galiza. O concelleiro, que estaba encargado de oficiar o enlace entre dous veciños, decatouse ao recoller a acta de casamento que deberían asinar os contraíntes que esta estaba en castelán, e solicitouna en galego como era desexo dos noivos.

 

A funcionaria indicoulle que non era posíbel e tentou disuadilo con argumentos como “Pero esto es así, siempre fué así. ¿No ves que esto te es pal juzgado?”, “Pues es que no tenemos ninguna en gallego, tiene que ser así en castellano”, “Pues a ver si puedo, que a lo mejor no me da tiempo. Vas a tener que esperar”

 

Efectivamente, tras ter que insistir unha e outra vez en que a lei recoñecía o dereito a dispor de calquera documentación da administración local en galego o concelleiro tivo que agardar catro horas para dispor dun documento tipo que non chega ao medio folio de extensión e que segundo a lei debería ser proporcionado por defecto en galego.

 

Susana Méndez, Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou a gravidade do sucedido: “Unha outra persoa que non tivese claros os seus dereitos ou que fose menos firme na defensa da súa lingua resignaríase a non poder utilizar o galego en Galiza”. Para a responsábel da Mesa non ten xustificación que desde as administracións se continúen a pór impedimentos para utilizarmos a nosa lingua propia: “É inconcebíbel que trinta anos despois da LNL haxa concellos que continúen sen se enteraren de que o galego é a súa lingua oficial”.

 

No mesmo sentido Vítor Sierra denunciou os reiterados incumprimentos da lei en materia lingüistica por parte do concello valdeorrés: topónimos deturpados nos folletos da Concellaría de Turismo, exclusión do galego nos escritos da Policía Local ou a escaseza de persoal que atenda en galego no concello e no teléfono de atención cidadá son algúns dos exemplos apuntados polo concelleiro, que se dirixiu á Mesa para denunciar que o consistorio exclúe a cotío o galego e que é habitual que a veciñanza sexa atendida en castelán mesmo cando se expresa no idioma propio de Galiza. Neste sentido indicou que non só se incumpre o estipulado no Estatuto de Autononía e na Lei de normalización lingüística, senón a propia Lei de Administración Local de Galiza que é clara cando indica que “todos os actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega”.

A vicepresidenta da Mesa, Susana Méndez, foi anteriormente a responsábel da asociación na comarca de Valdeorras e coñece ben esta situación. “Malia as denuncias que se veñen facendo desde hai anos O Barco é un dos concellos onde a exclusión do galego na vida municipal é maís sangrante (sinalizacións, documentacións, avisos, programas…)”, sinalou, e lembrou así mesmo que desde A Mesa levan anos denunciando esta exclusión do galego tanto no concello como nas empresas que xestionan os servizos municipais, entre elas Aquagest, a conesionaria da xestión de augas e da piscina climatizada que tamén se catacteriza polas súas trabas para dipor de documentación ou sinalización básica en galego.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra