A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o uso exclusivo do castelán nas redes sociais do departamento de turismo da Deputación de Pontevedra (Turismo Rías Baixas), recordando que tanto o Estatuto de autonomía de Galiza como a Lei de normalización lingüística e a Lei de administración local de Galiza protexen o uso da nosa lingua por parte das administracións públicas do país.
A entidade de defensa da lingua considera especialmente grave que, perante a queixa presentada a través da Liña do Galego, a entidade provincial considere xustificada a eliminación da lingua propia “ao dirixirse a un público potencial de fóra da comunidade”. “A Deputación de Pontevedra considera innecesaria ou mesmo dañina a presenza da nosa lingua nas comunicacións dirixidas potencialmente a fóra do país”, lamenta a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, “e entende que o castelán é a única lingua válida e necesaria de por si para achegar a nosa terra e a nosa cultura a calquera persoa de calquera outro punto do planeta”.
Na súa resposta á queixa presentada pola Mesa, a Deputación de Pontevedra distingue entre a estratexia de comunicación aplicada nas redes sociais da entidade provincial a aplicada nas redes sociais de Turismo Rías Baixas. “A actividade pública, cultural e informativa da Deputación de Pontevedra”, asegura a deputada Ana Laura Iglesias, “ten como destinatarios preferentes a veciñanza da provincia de Pontevedra e os concellos aos que prestamos servizos”. “Pola contra”, apunta, “as redes sociais de Turismo Rías Baixas diríxense a un público moito máis heteroxéneo, composto polo mercado interior galego, público nacional e tamén persoas estranxeiras”.
Por este motivo, a Deputación de Pontevedra “empregar o castelán de forma maioritaria, tendo en conta que o obxectivo da comunicación externa de Turismo Rías Baixas é a captación de visitas de fóra da nosa comunidade, entre as que Madrid, Valencia, Barcelona, o norte de España e o norte de Portugal eran os mercados prioritarios aos que se dirixían tradicionalmente as nosas campañas turísticas”.
Neste sentido, perante a insistencia da Mesa a Deputación de Pontevedra accede a aceptar “a convivencia do galego e o castelán” nalgunhas das redes sociais de Turismo Rías Baixas, Facebook e Twitter, pero insiste en manter en Instagram “a exclusiva o castelán, como decisión estratéxica máis conveniente para os intereses económicos do sector turístico pontevedrés, posto que o alcance e a difusión desta rede social son moito máis amplos e variados que en Facebook e Twitter e o público procede maioritariamente do exterior de Galicia”. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, recorda que esta posición de subordinación da lingua propia por parte dunha administración pública é inadmisible e contravén as leis.